O vindeiro mércores 23 de outubro ás 19:30 horas, o Museo de Pontevedra acollerá unha conferencia dedicada á figura de Antonio Ortiz Echagüe, un dos pintores costumistas españois máis destacados das primeiras décadas do século XX.
A conferencia, que terá lugar no Edificio Castelao, virará ao redor da obra de Echagüe e, en particular, ao seu cadro 'Retrato de nena de Atzara (Sardeña)'.
Este óleo de 1908, exposto nas salas dedicadas á pintura española contemporánea do Edificio Castelao, é un exemplo do traballo que o artista desenvolveu na illa italiana de Sardeña, onde fundou a "Scuola di Atzara", unha escola costumista que seguiría os seus pasos.
Ortiz Echagüe percorreu numerosos países e continentes en busca de personaxes e vestimentas de lugares remotos. Especialmente atraído polas mulleres que conservaban as súas tradicións, plasmou nos seus cadros a vida cotiá dos pobos de Sardeña, os portos holandeses, os zocos marroquís e as chairas arxentinas.
As súas obras, que obtiveron os maiores recoñecementos internacionais da época, caracterízanse por un estilo realista e costumista, combinado cunha pincelada solta e un exultante sentido da cor que o achegan ao postimpresionismo e ao fauvismo.
A conferencia contará coa participación de Montserrat Fornells Angelats, recoñecida experta en historia da arte e catedrática emérita do Instituto Usandizaga de San Sebastián que desenvolveu un destacado labor como museóloga e crítica de arte.