Correos emite un selo conmemorativo do centenario da Coral Polifónica de Pontevedra

Pontevedra
26 de marzo 2025
Actualizado: 15:52

O emblema da Coral e un coro en plena actuación ilustran este selo que conta cunha tirada de 70.000 exemplares e un valor de 2 euros

Selo conmemorativo do centenario da Coral Polifónica de Pontevedra
Selo conmemorativo do centenario da Coral Polifónica de Pontevedra

Correos emite este mércores un selo dedicado á Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra.

A emisión, que reproduce o emblema da Coral sobre un coro en plena actuación, conta cunha tirada de 70.000 exemplares e un valor de 2 euros.

Esta emisión, que forma parte da serie Efemérides, rende homenaxe aos cen anos de historia da Coral.

A Coral foi fundada por un grupo de relevantes personalidades galegas entre as que se atopaban Antón Losada Diéguez, Alfonso Rodríguez Castelao, Antonio Blanco Porto, Antonio Iglesias Vilarelle e máis tarde Alexandre Bóveda.

Desde a súa primeira actuación o 9 de abril de 1925 a Coral ofreceu máis de 700 concertos nos que interpreta música medieval, polifonía dos séculos XVI e XVII e música popular galega.

Ao longo destes cen anos recibiu distincións como a Primeira Medalla de Prata da Cidade de Pontevedra, o Premio Cidade de Pontevedra do ano 2000 e o premio da Asociación de Amigos de Pontevedra en 1975.