Corenta colexios exporán os seus traballos na XVI edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil

Pontevedra
23 de xaneiro 2015

En concreto, a maior parte dos colexios serán de Pontevedra, tanto da cidade como do resto das parroquias do rural. Pero tamén haberá presenza de centros educativos de Vigo, Soutomaior, Ponte Caldelas ou Rianxo

Inauguración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil "Cociñando contos"
Inauguración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil "Cociñando contos"

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra segue a atraer o interese dos centros educativos, non só da cidade, senón do resto da provincia. Para a súa décimo sexta edición, que se celebrará entre os días 27 de febreiro e 28 de marzo, participarán como expositores corenta colexios. Todos eles exporán os traballos realizados polos seus alumnos co gallo desta iniciativa cultural e educativa.

En concreto, a maior parte dos colexios serán de Pontevedra, tanto da cidade como do resto das parroquias do rural. Pero tamén haberá presenza de centros educativos de Vigo, Soutomaior, Ponte Caldelas ou Rianxo.

Este modelo de participación implica a realización dun traballo en formato libro ou volumétrico por parte do alumnado, baseándose na bibliografía facilitada e relacionado co tema de cada edición, desta volta ⿿Da ciencia á ficción⿿.

Os traballos permanecerán expostos na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura e poderán ser visitados libremente ao longo do salón en horario de tarde e mañá e tarde durante a fin de semana.

Como ven sendo habitual, os centros de ensino colaboradores participarán en diferentes actividades segundo a idade: espectáculo inédito para educación infantil, contacontos para o primeiro ciclo de primaria, obradoiros para segundo e terceiro ciclo e unha actividade especial para os pertencentes a ESO e Bacharelato. Estas actividades van acompañadas dunha visita ao salón e un tempo de esparexemento na biblioteca.