Cora Velasco, De Vacas e Leilía inundan de ambiente festivo toda Pontevedra

Pontevedra
10 de agosto 2020

A proposta musical máis íntima e persoal de Cora Velasco rompeu o silencio da noite na Ferrería e, media hora despois, uníronse desde a praza de España Leilía e desde as pistas de Campolongo, De Vacas. Os tres concertos foron un éxito de público no que as cadeiras habilitadas pola organización quedaron escasas

Concerto de De Vacas nas pistas de Campolongo
Concerto de De Vacas nas pistas de Campolongo / Cristina Saiz

A proposta musical máis íntima e persoal de Cora Velasco rompeu o silencio da noite ás dez na praza da Ferrería e, media hora despois, uníronse desde a praza de España Leilía e desde as pistas de Campolongo, De Vacas. Os tres acabaron tocando ao mesmo tempo e convertendo toda a cidade nun gran escenario no que se respiraba o ambiente festivo polas catro esquinas. 

A tónica dominante das tres citas musicais programadas polo Concello de Pontevedra dentro do programa 'Pontevedra Vívese!' foi un éxito total de público. No caso do concerto de Cora Velasco, todas as cadeiras instaladas pola organización enchéronse ata os topes

Nas pistas de Campolongo, os espectadores do concerto de De Vacas encheron rapidamente as 160 prazas dispoñibles, de modo que a organización mesmo ampliou a zona para o público. De todos os xeitos, moito público quedou sen cadeira e, sempre con máscara, foise situando nas inmediacións

A cantidade de xente alí presente para gozar desta divertida banda galega levou á Policía Local a dirixirse aos asistentes para pedirlles un respecto escrupuloso das normas de distancia social e uso obrigatorio de máscara. Respecto diso, cabe indicar que na cita musical xa había unha patrulla permanente da Policía Local con fins preventivos.

Tamén na praza de España enchéronse todos os ocos dispoñibles para o concerto de Leilía. A proposta musical das seis  cantareiras- pandereteiras encheron o ambiente de música tradicional e voces femininas e o espazo de espectadores entregados. 

A programación musical das festas da Peregrina continuará este luns con tres concertos nos mesmos lugares e ás mesmas horas. Ás 22.00 horas está programado na Ferrería o concerto de Laroá e ás 22.30 as citas serán na praza de España con Óscar Ibañez e Tribo e nas pistas Campolongo con Eladio y los seres queridos.

Arquivado en