O conxunto de Vistalegre estrea alumado ornamental cun concerto de Tolemia’s Consort

O Salnés
01 de xaneiro 2025
Actualizado: 11:39

A igrexa de San Cristóbal, no conxunto monumental de Vistalegre de Vilagarcía, acollerá este venres, día 3, un concerto de Tolemia’s Consort no ciclo 'Entradiñas de Aninovo' da Deputación

Tolemia's Consort
Tolemia's Consort / Deputación de Pontevedra

O conxunto monumental de Vistalegre, en Vilagarcía, estrea este venres día 3 de xaneiro o seu novo alumeado ornamental e, coincidindo coa estrea, a igrexa de San Cristóbal acollerá un concerto.

Trátase da actuación de Tolemia’s Consort, un grupo coral formado na comarca que dende a súa creación en 2020 xa se ten feito un oco no panorama musical da provincia.

O recital encádrase no ciclo 'Entradiñas de Aninovo' que patrocina a Deputación de Pontevedra.

Está previsto a partir das 19.00 horas con entrada libre e gratuíta.

Tolemia’s Consort fará unha mestura de música sacra, góspel e jazz. O programa será: Deep Peace (de Bill Douglas); Sure On This Shining Night (Morten Lauridsen), Thankful (Mark Hayes), The Lord Bless You And Keep You (John Rutter), Be Thou My Vision (Bob Chilcott), Jubilate Deo (Peter Anglea) e A Gospel Christmas Celebration (Joel Raney).

Estarán acompañados ao piano pola meañesa Goretti Domínguez, na actualidade profesora no Conservatorio Profesional de Música de Sevilla.

Dende os seus primeiros ensaios, o grupo fundado e dirixido pola mezzosoprano pontevedresa Sonia Bouzada Pérez púxose por meta achegar a música vocal a capela a diversos públicos. O seu debut como grupo tivo lugar na Igrexa Parroquial de Vilanova de Arousa en 2020, evento que deu inicio dunha serie de actuacións en lugares emblemáticos como as ruínas de Santa Mariña en Cambados ou a Igrexa de San Vicente do Mar do Grove.

O novo alumado ornamental exterior do conxunto histórico-artístico de Vistalegre é resutado dun investimento de 47.000 euros.