Convocan o I Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil

Pontevedra
11 de xaneiro 2018

Co gallo da elección de María Victoria Moreno como a autora que será homenaxeada no próximo Día das Letras Galegas, o Concello de Pontevedra e a editorial Urco Editora veñen de convocar a primeira edición dun premio que leva o nome desta recordada mestra e escritora. Recoñecerá obras enmarcadas dentro do xénero da literatura xuvenil

María Victoria Moreno
María Victoria Moreno / Arquivo da familia de María Victoria Moreno

Co gallo da elección de María Victoria Moreno como a autora que será homenaxeada no próximo Día das Letras Galegas, o Concello de Pontevedra e a editorial Urco Editora veñen de convocar a primeira edición dun premio que leva o nome desta recordada mestra e escritora. Recoñecerá obras enmarcadas dentro do xénero da literatura xuvenil.

A este premio, que se fallará durante a celebración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, poderá concorrer calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega e cunha extensión máxima de 250.000 caracteres.

O prazo de entrega remata o 28 de febreiro. Os orixinais deberán entregarse na sede de Urco Editora (Rúa do Avío, 11 baixo - 15705 Santiago de Compostela), por correo postal ou mensaxería, sen que consten no exterior datos identificativos da persoa autora.

Os orixinais irán acompañados dun sobre pechado que conterá a identidade da persoa autora e o título definitivo da súa obra, facendo constar no exterior só o título ou lema da mesma.

A obra gañadora será premiada coa publicación do libro e 4.000 euros. Urco Editora, mediante contrato privado coa persoa autora, será a encargada da edición e publicación da mesma en lingua galega sendo a titular dos dereitos durante os seguintes cinco anos á concesión do premio.

O xurado estará composto por unha persoa representante da familia de María Victoria Moreno, unha persoa representante do Concello de Pontevedra, unha alumna ou alumno representante do IES Torrente Ballester de Pontevedra, unha persoa representante de Urco Editora e unha especialista en literatura infantil e xuvenil.

A persoa beneficiaria do premio recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada e terá dereito a unha participación proporcional nos ingresos derivados da explotación da obra. Ademais, será convidada a formar parte do xurado na seguinte edición.