'Conversas con arte' ábrese o martes co pintor José María Barreiro

Pontevedra
07 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A conferencia do artista, natural de Forcarei, terá lugar este martes 9 de abril ás 19:00 horas no Salón de Plenos do Pazo provincial da Deputación en Pontevedra coa presenza do vicepresidente Rafa Domínguez

O pintor José María Barreiro
O pintor José María Barreiro / https://jmbarreiro.com/

Este martes 9 de abril, ás 19.00 horas, comezan as 'Conversas con arte', un ciclo de conferencias que se iniciará co pintor natural de Forcarei José María Barreiro.

A charla desenvolverase no Salón de Plenos do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra, coa apertura a cargo do vicepresidente provincial Rafa Domínguez. A introdución á obra de Barreiro correrá a cargo do artista Antón Castro.

A iniciativa busca a través do Museo de Pontevedra a difusión de diferentes manifestacións artísticas que se desenvolven na provincia.

José María Barreiro estudou a obra de Picasso, Duffy e Matisse en París en 1963. Regresou a Vigo onde compartiu casa e taller con Urbano Lugrís, ambos compartiron a realización de diversos proxectos murais.

En 1969 trasladábase a Buenos Aires, grazas a unha invitación de Laxeiro. En Arxentina coñece a Luis Seoane e a pintores como Rómulo Macció, Castagnino, López Claro e Betinelli. Desde 1974 se caracterriza por unha linguaxe imaxinativa propia e persoal nas súas pinturas, que lle levaron a expoñer en espazos de Chicago, Madrid, Barcelona, Marbella ou Coimbra, entre outros.