O Salón de Plenos do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acolleu este martes o arranque do ciclo 'Conversas con arte', unha aposta do Museo de Pontevedra para reforzar o traballo e a importancia dos artistas da provincia.
A primeira xornada do ciclo centrouse na figura do pintor José María Barreiro, "un dos artistas máis importantes de Galicia", segundo defendeu o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez.
Os asistentes á primeira 'conversa con arte' puideron gozar do diálogo co artista e observar como elabora unha das súas creacións.
A presentación de Barreiro correu a cargo de Antón Castro.
Trátase, asegurou Rafa Domínguez, dun "programa moi necesario", e é que "os estudosos calculan que existen máis de mil artistas de contrastada calidade nesta fermosa e creativa cidade onde conflúen a Facultade de Belas Artes, a Escola de Restauración e Conservación de Bens Culturais, a Escola de Cantería e o Museo de Pontevedra".
O programa 'Conversas con arte' continuará nos próximos meses con outras figuras e artistas.