Contos cociñados en Pontevedra para viaxar por Europa

Pontevedra
12 de xuño 2013

Baixo o título Cociña de contos. Europa á carta, a editorial pontevedresa OQO presenta un proxecto que combina literatura e gastronomía na que escolares de España, Polonia e Portugal participarán en obradoiros artísticos dentro dunha proposta que foi escollida para o Programa Cultura da UE

Presentación de Cociña de Contos, Europa á Carta no CITA
Presentación de Cociña de Contos, Europa á Carta no CITA /

Filloas e amendoados galegos en combinación con piernic de chocolate polaco e salame portugués ofrecen unha suxestiva variedade de doces internacionais que se internan nun fantasioso mundo literario cargado nunha maleta. A editorial OQO presenta desta forma un interesante proxecto que foi seleccionado, entre 40 propostas, para o Programa Cultura da Unión Europea e que a partir de agora e ao longo de todo o próximo anos se irá desenvolvendo con obradoiros literarios, gastronómicos e artísticos.

As editoriais O Bichinho de Coto de Portugal e TAKO de Polonia son as outras socias deste proxecto que promoven Cociña de Contos. Europa á carta que, entre outras accións, desenvolverá a convocatoria dos concursos europeos de Ilustración e Narración con dotacións de 3.000 e 2.000 euros e que deberán contar coa base da popular historia da Casiña de Chocolate. O concurso de ilustracións convocarase a vindeira semana. A obra gañadora editarase en galego, español, portugués e polaco. Será presentada durante o Salón do Libro de Pontevedra do próximo ano que contará coa cociña como tema central e despois se trasladarán por máis de quince cidades de Polonia, Portugal e España.

A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra será a encargada de intrepretar e gravar a peza musical inspirada na Casiña de Chocolate, segun comentou Eva Mejuto de OQO Editoria, e formará parte da Despensa de Contos, unha "gastro-biblioteca" que recibirán as escolas que participen nesta iniciativa.

O Salón do Libro de Pontevedra acollerá os obradoiros máis interesantes do proxecto como os Contose ao pedir de boca, Europa á carta, Comida en movemento ou Domingo cadro ao prato. Ademais destas actividades desenvolveranse talleres de repostaría como Doce de Europa! e propostas experimentais como Viaxes con-sentidos, Música na cociña ou Os oficios da comida.

O proxecto pode verse a través da web www.europaalacarte.eu