Na mañá deste mércores o CEIP Ponte Sampaio quixo festexar o Día Internacional da Lingua Materna, que se conmemora cada ano o 21 de febreiro desde que fora proclamado pola UNESCO en 1999. O obxectivo desta celebración é impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas en todo o mundo e, en especial, a das minoritarias.
Na actividade participaron todos os nenos da escola ademais dos profesores, e contaron coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. O alumnado de 1º e 2º de primaria, de entre catro e cinco anos, puido gozar dun obradoiro titulado "Mario pensaba que o galego non servía para nada" a cargo de Polo Correo do Vento. Os nenos escoitaron a historia de Mario contada por un dos seus autores, mentres que un ilustrador realizou un mural inspirado no conto.
Ademais disto, os alumnos escoitaron cancións sobre o uso da lingua materna, interaccionaron co conto e o debuxo e remataron cun obradoiro de ilustración, onde cada un pintou o seu propio retrato de Mario, o protagonista do conto. As institucións destacan a importancia da celebración de días como este para conmemorar a riqueza que supón a diversidade lingüística no mundo.