Todo listo en Soutomaior para a segunda edición da Punkativada, unha fin de semana na que os máis pequenos serán os protagonistas, con concertos infantís, espectáculos, contacontos e obradoiros. Dada a ameaza de choiva para este sábado, ideouse un plan B para garantir que se poidan realizar todas as actuacións.
O festival celebrarase esta fin de semana, os días 24 e 25 de agosto. O lugar previsto para a programación era a Carballeira do Peirao de Arcade, pero este venres o Concello anunciou un cambio ante as previsións meteorolóxicas. Así, este sábado as actividades vanse realizar no Multiusos de Arcade. O domingo non haberá cambios.
Dende o Concello de Soutomaior convidan a todas as familias do municipio e da comarca a achegarse para gozar deste festival con ocio e entretemento para toda a familia.
O evento comezará o sábado no Multiusos de Arcade ás 11:00 horas co obradoiro creativo 'Punki', no que as nenas e nenos poderán deseñar looks punkis combinando materiais con imperdibles que servirán para unir, completar e suxeitar prendas co fin elaborar unha indumentaria efémera (vestidos, camisas, faldas...) para o festival.
Ás 12:00 horas terá lugar o concerto de ‘As Tareixas’ de Redondela. Ás 13:00 horas chegará a quenda do directo de ‘Silforiña’ de Golfiños, unha viaxe en barco, onde poderás mergullar na bágoa dun poema, asustarse co ouveo dun lobo ou mexerse no luar dunha noite máxica.
Pola tarde, a actividade comezará no Multiusos ás 17:00 horas co espectáculo Cirkompacto de Hellbrother. De 18:15 a 20:45 horas será a quenda dos xogos de ‘paporrubio’, con pequenas historias contadas e cantadas polos animais e habitantes da granxa, elaborados con xoguetes, marionetas e xigantes.
A xornada do sábado despedirase co concerto Singular de Píscore ás 21:00 horas un orixinal espectáculo que mestura virtuosismo e ritmos musicais coa comedia xestual e o clown.
O domingo a programación será na Carballeira do Peirao a partir das 11:00 horas co obradoiro creativo de 'Palabras encadenadas', unha cita onde se van a encadear palabras para que non se perdan creando unha peza artística con elas e así de xeito lúdico non perder o vocabulario que non usemos.
A continuación, ás 13.00 horas, chegará un dos pratos fortes desta edición co concerto da Gramola Gominola, unha banda de auténtico Rock&Roll en galego con Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos).
Pola tarde, terá lugar un fin de festa co espectáculo ás 17:00 horas de Peterpunk e o neno imperdible, protagonizado por Peter Punk e Brais das Hortas.