Conta atrás para elixir os ‘Novos Valores 2020’ da arte

Pontevedra
09 de outubro 2020

O xurado de ‘Novos Valores 2020’ reunirase o vindeiro martes 13 de outubro para seleccionar aos gañadores das catro bolsas de estudos de 7.500 euros que entregará o Museo de Pontevedra a través da Deputación. As pezas premiadas elixiranse de entre as 21 escollidas na primeira criba, realizada o pasado mes de setembro

Inauguración da exposición 'Novos Valores' no Museo de Pontevedra (arquivo)
Inauguración da exposición 'Novos Valores' no Museo de Pontevedra (arquivo) / Mónica Patxot

O xurado de ‘Novos Valores 2020’ reunirase o vindeiro martes 13 de outubro para seleccionar aos gañadores das catro bolsas de estudos de 7.500 euros que entregará o Museo de Pontevedra a través da Deputación Provincial.

Ao certame presentáronse un total de 38 obras. As pezas premiadas elixiranse de entre as 21 escollidas na primeira criba, realizada o pasado mes de setembro, e todas elas estarán expostas ao público dende o próximo xoves 15 de outubro e ata o 15 de novembro no Sexto Edificio do Museo.

Esta edición de ‘Novos Valores’ incorporou como novidade a modificación das bases en canto aos requisitos das persoas candidatas, limitando a 35 anos a idade máxima permitida co fin de manter o espírito da convocatoria de premiar e promover o inicio da carreira artística.
 
O xurado desta edición está formado por Césár Mosquera como presidente, Carlos Cuadrado –secretario da Deputación- como secretario, e como vogais José Manuel Rey García, director do Museo Pontevedra; María Asunción Rodríguez Rodríguez, directora da galería Trinta e Académica de Número da Real Academia Galega de Belas Artes na sección de Expertos en Artes; Itziar Ezquieta Llamas, artista plástica e docente na Universidade de Vigo; Carmen Hermo Sánchez, artista e docente; Agar Ledo Arias, historiadora da arte e investigadora, integrante do Departamento de Coleccións do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid; e o artista Alfonso Costa Beiro.

O listado dos artistas participantes na mostra deste ano pode consultarse en https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2020/09/23/2020041497.