O Festival SonRías Baixas conmemora a partir deste mércores 2 de agosto o seu 20 aniversario cunha programación que se estenderá ata o sábado día 5 e que enche Bueu coa música de 20 concertos.
Afianzado xa como unha das grandes citas musicais do verán da península do Morrazo, o festival presentou este martes a súa programación de 2023, que busca crear "un festival divertido" con Natos y Waor, La Pegatina e Macaco como cabezas de cartel.
A presentación correu a cargo dos directores do festival, Berta Domínguez e Jordi Lauren, e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil. Tamén participaron a deputada provincial Nava Castro; o alcalde de Bueu, Félix Juncal; e as concelleiras de Cultura e Turismo, Carmen García e Silvia Carballo.
Este ano adiántase a apertura da zona de acampada ao mércores, organizando unha festa de inauguración dende as 21.00 horas no recinto que sirva como recibimento para todos aqueles festivaleiros que queiran comezar coa experiencia o mesmo día 2, e que estará ben ambientada con moita música e varios food trucks.
As xornadas de concertos comezan o xoves 3 cunha noite protagonizada por dúas bandas que regresan ao festival para celebrar o seu 20 aniversario: Lendakaris Muertos, que descargarán o seu punk ortodoxo, rápido e cheo de letras irónicas combinando humor e crítica social; e Boikot, que desbordarán o seu punk rock urbano cheo de compromiso social e letras con mensaxe.
Uniranse ETS; 30s40s50s, formada por Bely Basarte, David Otero e Tato Latorre; Samuraï; e Santa Salut.
O venres 4 o festival terá como cabeza de cartel dende o Escenario Fest Galicia ao dúo de rap madrileño Natos y Waor, que chegan a Bueu para presentar os temas do seu cuarto disco, 'Luna llena'.
Tamén actuarán La Ganga Calé; Muyayo Rif, o colectivo Tremenda Jauría; Lia Kali, Queraltz Lahoz e Cool Nenas.
A programación pechará o sábado 5 con La Pegatina, que este 2023 celebra, ao igual que o festival, dúas décadas en activo; e Macaco, que chega ao SonRías Baixas para presentar 'Vuélame el corazón' e Arde Bogotá, convertidos nunha das bandas revelación de 2023.
Completan a programación do sábado a formación bosnia Dubioza Kolektiv; LaMontagne & PicoAmperio; María de Juan; Grande Amore; Ninhodelosrecaos DJ, alias tras o que se agocha Rubén Sierra Jiménez, cantante e guitarrista de La Pegatina; Lamatumbá; e Ortiga e Pili Pampín.
Jacobo Sutil recordou que SonRías foi festival pioneiro en introducir o sistema cashless para as transaccións no recinto e felicitou a organización por 20 anos de "brillante traxectoria".
Nava Castro recalcou o importante papel do circuíto Rías Baixas Fest, do que SonRías forma parte, no que se outorga especial importancia á sustentabilidade e a potenciar a gastronomía e a cultura locais.
Félix Juncal recalcou no aumento de poboación que ten lugar durante os días do festival, contribuíndo á economía local e conseguindo colocar a Bueu como un dos puntos de unión cultural musical de Galicia.