Consolo dos males, alivio das penas

Poio
18 de febreiro 2017

Este venres no Casal de Ferreirós presentábase a programación que as Concellerías de Cultura e Festexos, Educación e Deportes e Benestar Social, Igualdade e Mocidade porán en marcha para celebrar o Día de Rosalía, vindeiro 24 de febreiro, cando se cumpren os 180 anos do nacemento desta ilustre escritora galega

Faixa do Día de Rosalía na Casa do Concello de Poio
Faixa do Día de Rosalía na Casa do Concello de Poio

Este venres no Casal de Ferreirós presentábase a programación que as concellerías de Cultura e Festexos, Educación e Deportes e Benestar Social, Igualdade e Mocidade porán en marcha para celebrar o Día de Rosalía, o vindeiro 24 de febreiro, cando se cumpren os 180 anos do nacemento desta ilustre escritora galega.

As crianzas que participan da ludoteca de inverno van confeccionar un mural con imaxes e textos de Rosalía e o propio día 24 recitarán varios poemas da escritora.

Dende o mércores 15 está pendurada unha faixa na fachada do Concello. A imaxe de Rosalía e o verso Cantarte hei, Galicia, na lengua gallega, consolo dos males, alivio das penas, recibirá a toda a veciñanza que se achegue á casa consistorial a facer calquera xestión. Esta mesma imaxe decorará os perfís das redes sociais municipais (Cultura, do Concello de Poio e do Centro Cultural Xaime Illa) e da web oficial.

O día 23 de febreiro, pola mañá, os cativos da unitarias do Vao e de Portosanto confeccionarán un gran mural en homenaxe a Rosalía, no parque de Costa Xiráldez en Lourido (ao carón do estanque dos patos).

Xa pola tarde, na Biblioteca Municipal achegaranse a vida e obra da poetisa a través dun conto que a editorial UNCO lle adica a Rosalía de Castro, con textos de María Lado e ilustracións de Eva Agra e de diferentes obradoiros (collaxe de follas en homenaxe ao libro Folla Novas, carautas de Rosalía, sopa de letras, poema oculto, letras descolocadas, entre outras)

A música estará presente nestas dúas actividades a traves dunha selección de poemas de Rosalía musicados por artistas galegos como Lucía Pérez ou Rosa Cedrón con Amancio Prada. Pola tarde, o protagonismo será para os poemas que mulleres da nosa cultura lle adican a Rosalía, recopilados no libro Daquelas que cantan, que se editou co gallo do 50 aniversario da Fundación Rosalía de Castro.

A actividade coa que se suma a Concellería de Benestar Social chamase "Chanzopoemas Rosalianos". Aproveitarán os ocos entre chanzos das escaleiras dos edificios da Casa do Concello, o centro social, o centro cultural Xaime Illa, a escola do Campo de Combarro e o local social de Campelo para visualizar as obras da escritora de Padrón.

Participarán os sete grupos de memoria municipais (Casa Rosada, Campelo, Seca, Combarro, Raxó, Samieira e Vilariño).