Confirmadas as primeiras actuacións do Festival da Mocidade na Illa de Arousa

O Salnés
07 de setembro 2024

A cita musical está prevista para o sábado 21 de setembro na Praza do Regueiro e xa están confirmadas as actuacións de Flow do Toxo e O Rabelo e Nenaza

O Rabelo e Nenaza
O Rabelo e Nenaza / Atlantic Pride

O Concello da Illa de Arousa vén de anunciar as primeiras confirmacións para o Festival da Mocidade, que terá lugar o sábado 21 de setembro na Praza do Regueiro.

Este evento promete ser unha celebración da cultura e da música galega contemporánea, con actuacións que mesturan xéneros e reivindican a identidade galega.

FLOW DO TOXO

O primeiro grupo confirmado éFlow do Toxo, unha formación musical que xurdiu no 2018 no Condado de Paradanta.

Este cuarteto feminino fusiona o rap con instrumentos tradicionais galegos, creando un estilo único que combina o bailongo co reivindicativo.

O seu repertorio caracterízase por unha forte mensaxe de protesta dende unha perspectiva rural e feminista.

Flow do Toxo ten colaborado con artistas de renome como La Basu, TESA, Brassica Rapa e As Punkieteiras, entre outros, o que demostra a súa relevancia no panorama musical actual.

O RABELO E NENAZA

A segunda confirmación é o dúo formado por O Rabelo e Nenaza.

O Rabelo, descrito como un "animal humano", mestura a música tradicional galega con xéneros como o reguetón e o tecno, creando un ambiente festivo que evoca as celebracións tradicionais galegas.

Pola súa banda, Nenaza é unha artista drag que reivindica a feminidade a través da mitoloxía galega. A súa actuación combina performance corporal, movemento e son, fusionando elementos etéreos con unha estética punk.

Este dúo promete unha actuación que desafiará as normas e explorará temas de identidade, marxinalidade e mitoloxía galega a través dunha mestura única de expresións artísticas.