Conferencia sobre os carteis realizados para a campaña do referendo do Estatuto de Galicia de 1936

Pontevedra
28 de xuño 2023

Terá lugar o xoves 6 de xullo ás 19 horas, e nela Iria-Friné Rivera Vázquez afondará na importancia para a historia e a arte galegas dos once carteis asinados por Camilo Díaz Baliño, Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane e Castelao, entre outros

Cartel realizado por Camilo Díaz Baliño para a campaña do referendo do Estatuto de Galicia de 1936
Cartel realizado por Camilo Díaz Baliño para a campaña do referendo do Estatuto de Galicia de 1936 / Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra programa o próximo xoves 6 de xullo ás 19 horas no Edificio Castelao a conferencia de Iria-Friné Rivera Vázquez titulada 'O imaxinario galego ao poder. Os once carteis do Estatuto de Galicia (1936)'.

Con esta conferencia o Museo recordará o aniversario do referendo polo Estatuto, que se celebrou o 28 de xuño do ano 1936.

Na súa intervención, a historiadora da arte e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela afondará na importancia dentro da historia e a arte galegas deste conxunto de obras de cartelismo asinadas por algúns dos artistas galegos máis destacados do século XX. 

Segundo explicará a relatora, os once carteis realizados para a campaña do Estatuto galego en 1936 forman un conxunto impecable e ben coordinado onde a comunicación visual, o deseño gráfico, o simbolismo e a publicidade danse a man para presentar o determinante das propostas do Estatuto de Autonomía para co público e que este as teña en conta.

Os carteis foron asinados por Camilo Díaz Baliño, Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane, Carlos Maside, Zeus (José López Bouza "Fillo"), Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Bernardino Vidarte. Cadaquén empregou o seu estilo, pero tiveron á vez referencias uns dos outros nos seus respectivos temas e liñas. O resultado foi, segundo Iria-Friné Rivera, "un discurso visual cunha dirección definida pola súa forza e enerxía, cohesivo na súa diversidade e capaz de xerar reaccións".

"Nos carteis as apelacións históricas a Liberdade e o Destino fúndense con referencias contemporáneas como o estilo Art Déco, a épica feminina e o cinema", explica a conferenciante. "De tal xeito a sinxela elegancia moderna, as combinacións intelixentes, a dignidade, un sentido nobre do estilo e o espectáculo da tradición son conxurados para plasmar imaxes que encaixaran coa personalidade e os valores da sociedade galega".

Iria-Friné Rivera Vázquez é historiadora da arte e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte do padroado da Fundación Luís Seoane (A Coruña) e da Fundación Vicente Risco (Allariz). É a autora dos libros 'A orixinalidade radica nas orixes'. 'O concepto da imaxe galega na estética de Vicente Risco' (2020) e 'O legado pioneiro de Camilo Díaz Baliño. Unha biografía artística' (2021).