Conferencia sobre a obra de Francisco Asorey en el Museo de Pontevedra

Pontevedra
16 de abril 2024

O mércores terá lugar a última sesión do curso de arte e indumentaria 'Tirando do fío', dedicada á Revolución francesa

Escultura 'Naiciña', de Francisco Asorey
Escultura 'Naiciña', de Francisco Asorey / Museo de Pontevedra

Este ano o Día das Artes Galegas está dedicado a Francisco Asorey. Para conmemoralo, a Deputación de Pontevedra celebra no Museo este xoves 18 de abril, ás 19:30 horas, no Edificio Castelao, unha conferencia centrada no escultor de Cambados. 

Será impartida pola profesora Maribel Iglesias Baldonedo, co título 'A obra de Francisco Asorey no Museo e na cidade de Pontevedra'.

Nesta conferencia farase un percorrido pola abundante obra de Francisco Asorey que existe no Museo e na cidade. Son pezas de todas as súas etapas artísticas, polo que o percorrido permitirá explicar as claves da traxectoria do escultor e as principais influencias artísticas que recibiu. Hai obras no Museo de Pontevedra que corresponden á súa estancia en Madrid, nos inicios da súa carreira. 

Outras, como a escaiola de 'Naiciña' ou o 'Tesouro' son da etapa dos anos 20, xa en Galicia, e na que triunfa nas Exposicións Nacionais de Belas Artes de Madrid e vese moi influído polo ideario das Irmandades da Fala. O busto do violinista Quiroga corresponde tamén a esta etapa. E, finalmente, o busto de Calvo Sotelo ou o Monumento a Cabanelas corresponden á etapa final que coincide coa posguerra e chega a 1961, ano en que morre.

ÚLTIMA SESIÓN DE 'TIRANDO DO FÍO'

Por outra banda, este mércores remata o curso 'Tirando do fío', que ao longo de dez semanas desde o 31 de xaneiro, fixo un percorrido pola a historia da indumentaria a través da arte. Impartido por Carolina Munáiz, dedicou cada sesión a un momento histórico diferente, percorrendo así o antigo Exipto, Grecia, Roma, Bizancio, a Idade Media, o Renacemento e o Barroco ata desembocar na Revolución francesa, que será protagonista da última sesión, este mércores de 19:00 a 20:30 horas no Edificio Castelao, con entrada libre.

Nesta última clase falarase de como o estoupido da Revolución francesa supuxo un transcendental cambio de rumbo político e social que tivo o seu reflexo simbólico no traxe, instrumento de propaganda ideolóxico afín aos novos tempos. A pompa aristocrática foi rexeitada e os sans-culottes lograron virar o valor das súas prendas e sentar as bases do posterior devir do traxe burgués.