O Centro Asociado da UNED en Pontevedra protagonizará a oferta cultural do venres 15 de marzo pola tarde cunha conferencia, ás 17:30 horas protagonizada por Xosé María Fernández Pazos, xornalista e licenciado en Xeografía e Historia, sobre "O Titanic galego. A traxedia do vapor-correo Santa Isabel"ocorrida no ano 1921 nas inmediacións da illa de Sálvora e a presentación do documental etnográfico "Os Trasnos de Doade, herdeiros dunha tradición musical", que terá lugar ás 19 horas no Salón de Actos da UNED en Monte Porreiro.
A conferencia de Xosé María Fernández Pazos será presentada por Víctor M. González Sánchez, director do Centro Asociado en Pontevedra e do Campus Noroeste da UNED, e durante a mesma pasarase revista ao naufraxio do vapor-correo Santa Isabel ocorrido o 2 de xaneiro de 1921, na Illa de Sálvora no que morreron 213 persoas, a maioría emigrantes con destino a Buenos Aires e Montevideo, e os sucesos previos e posteriores ao mesmo que lle valeron o cualificativo do "Titanic Gallego".
Fernández Pazos, que dirixiu durante moitos anos un programa na Radio Galega destinado á Galicia Exterior, iniciará a súa exposición coa situación da emigración galega a América a principios do século XX e o "negocio" do transporte marítimo.
Posteriormente, ás 19 horas, continuará a oferta cultural na UNED coa presentación do documental etnográfico "Os Trasnos de Doade, herdeiros dunha tradición musical", unha iniciativa do Museo Casa do Patrón (Lalín), cuxa labor se centra en defensa da tradición popular. Este traballo audiovisual está dirixido polo antropólogo Rafael Quintía e céntrase na etnografía da parroquia lalinense de Doade, como a matanza ou a malla tradicional ou os magostos, onde actúan o grupo Os Trasnos. Inclúe entrevistas cos veciños de máis idade que contan como se vivía outrora as "foliadas" e "as fiadeiras".
Víctor M. González Sánchez, director do Centro Asociado en Pontevedra e do Campus Noroeste da UNED, será o encargado de presentar o acto no que tomarán a palabra Amparo Blanco Varela, xerente do Museo Casa do Patrón; Rafael Quintía Pereira, licenciado en Antropolgía Social e Cultural, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e antropólogo e xerente da empresa Ab origine. Antropoloxía, produción e xestión cultural.
Finalmente, tomará a palabra, Uxío Silva Álvarez, membro de grupo “Vos Trasnos de Doade” quen dará paso á proxección do documental.
Finalizará a presentación a estrea pública da cantiga "Os Trasnos de Doade", interpretada por esta agrupación musical con música e letra compostas polo profesor Quintía, unha auténtica primicia para todos os presentes.