Coñece as singularidades do Edificio Sarmiento a través de #aportapechada do Museo

Pontevedra
23 de novembro 2020

A representante do departamento de Educación María Luisa Tobío realiza este luns dentro do apartado #aportapechada en redes sociais do Museo de Pontevedra un percorrido pola historia e as características do Edificio Sarmiento

Miliarios no soto do Edificio Sarmiento
Miliarios no soto do Edificio Sarmiento / Museo de Pontevedra - Deputación de Pontevedra

A representante do departamento de Educación María Luisa Tobío realiza este luns dentro do apartado #aportapechada en redes sociais do Museo de Pontevedra un percorrido pola historia e as características do Edificio Sarmiento, un dos inmobles que forman parte do conxunto de espazos de Pontevedra onde se poden ver obras de gran relevancia histórica.

O Edificio Sarmiento é un dos máis visitados do conxunto e debe o seu nome ao Padre Sarmiento, que estudou na súa nenez no antigo edificio xesuíta. A remodelación deste inmoble foi realizada polos arquitectos Eduardo Pesqueira e Jesús Ulargui, empregando elementos antigos e novos para establecer unha conexión co Sexto Edificio do Museo.

A obra orixinal débese ao arquitecto barroco Pedro Monteaguado Piñeiro e Taboada, todo un referente en Galicia. Iniciábase no ano 1675 e remataba catro anos máis tarde. A súa estrutura caracterízase pola súa sinxeleza e é o único edifico do barroco galego con esta forma.

Conta con tres espazos: o claustro, o soto e a monumental escaleira. Entre as obras que se gardan nestas instalacións destacan os miliarios situados no soto.