Concha de Luneda, portadora de cantigas, figura homenaxeada no Memorial Ricardo Portela

Pontevedra
12 de xullo 2023

Entre o venres 14 e o domingo 16 de xullo, Pontevedra ofrecerá os mellores sons da gaita e a música das pandeiretas nunha cita cultural e festiva que suma 24 edicións. Este mércores presentábase a programación prevista, que contará con unha mostra de artesanía de instrumentos tradicionais e diversos concertos

Memorial Ricardo Portela
Memorial Ricardo Portela / Mónica Patxot

Este venres 14 de xullo comeza a 24 edición do Memorial Ricardo Portela con numerosas actividades culturais, que se desenvolverán na contorna da Ferrería, relacionadas co gaiteiro de Viascón.

Demetrio Gómez, concelleiro de Festas, presentaba este mércores a programación deste evento acompañado do vicepresidente da Asociación de Gaiteiros Galegos, Oli Xiráldez, e de Alberto Pires, vogal deste colectivo.

Este ano realizarase unha homenaxe, como xa é tradición, a unha figura destacada da música tradicional e escolleuse á figura de Concha de Luneda, Concepción Rodríguez Álvarez, unha veciña de Arbo, que faleceu en Luneda, na Cañiza.

Concha de Luneda caracterizouse por ser unha muller "brava", portadora de cantigas e referente para moitas agrupacións que traballan a música tradicional. "Tiña un xeito moi característico de tocar o pandeiro e a pandeireta; cantaba, ademais, moi ben",, sinalaba Pires durante a presentación.

Recalcou que "foi un exemplo de muller e loitadora ao longo de toda a súa vida", destacando a súa imaxe como exemplo das mulleres galegas que deixan pegada, tras ter que emigrar a Barcelona e aprender a ler e escribir aos 30 anos. "Aprendeu a dividir antes que a sumar", explicou o representante dos Gaiteiros Galegos, ao relatar a historia desta muller que sufriu os estragos da Guerra Civil.

O programa durante os tres días comezará coa XXI Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais no Paseo de Antonio Odriozola. O venres terá un horario de 17.00 a 21.30 horas. O sábado e o domingo abrirá en horario de mañá: de 11.30 a 14.00 horas; e de tarde, de 17.30 a 21.30 horas.

O resto do programa inclúe as seguintes actividades:

Venres 14
17.30h - Pasacalles de Armandas de Laraño, Gaiteiros das Rías Baixas, Millarancos e Músicas da Redonda

21.00h - Concerto de Lagharteiras na Praza da Ferraría

Sábado 15

11.30h e 18.00h - Pasacalles de Ansuiña, Candaira, Cántigas e Frores, e Picuiña - Prazas e rúas da cidade

21.00h - Homenaxe a Concha de Luneda na Praza da Ferraría

Domingo 16

11.30h e 18h - Pasacalles de Aires do Coutado, Boudebou, Os Outros Feirantes e Seimeira polas rúas e prazas da cidade

21.00h - Concerto de Os Folieiros na Praza da Ferraría