O pasado venres, día 14, o Liceo Casino puxo en marcha un ciclo de ceas musicais no seu parque de verán na Caeira. A actuación do grupo Gin Toni’s foi máis que un excelente aperitivo duns eventos que pretenden reunir gastronomía e boa música, da man de bandas galegas de renome, que realizan unha completa viaxe polo mellor da música pop-rock nacional, desde os 80’s ata a actualidade.
Tras o éxito da primeira velada, que congregou a dous centenares de socios e invitados, chega agora a segunda, nesta ocasión para celebrar o tradicional San Xoán, que se adianta un día para realizala o sábado día 22 con obxecto de permitir que todo o mundo poida gozar nun evento que, ademais da tradicional fogueira para espantar as meigas, contará con tres ambientes musicais distintos.
Para comezar, o chef Rubén González, dispuxo un menú infantil que terá mini-pizzas, rombos de tortilla con xamón e queixo, milanesa de polo con patacas deluxe e terrina de chocolate e vainilla, mentres que os adultos poderán degustar bocados de empanada galega, vasiño de salmón e mango con guacamole, mexillóns en escabeche cítrico, twister de lagostino con maionesa de soia, codillo braseado á baixa temperatura con patacas especiadas e timbal de verduras, para pechar cunha sobremesa semifría de queixo con marmelo.
Logo virá o acendido da fogueira, á que seguirá a parte musical da velada que, como é habitual nesta data, terá un marcado carácter familiar, pero con actuacións para todas as idades. Os maiores terán no escenario á banda viguesa A Mafia, mentres que os mozos bailarán ao ritmo dun Dj da Bóla de Cristal e os máis rapaciños contarán coas actividades que para eles organizará BBC Animacións e Eventos.
Nas seguintes semanas haberá dúas novas ceas musicais. O venres, día 28, chega a quenda dunha banda tributo a Hombres G, "Sufre Mamón" que fará un percorrido polos temas máis nomeados de David Summers e os seus. Este miniciclo pecharase o 5 de xullo, coa celebración dunha "Festa branca", que terá como protagonista no escenario ao grupo Crónicas Pop.
Todos os concertos celebraranse a partir das 23.30 horas. As ceas terán lugar dúas horas antes, ás 21.30 horas, pero se alguén non puidese asistir ás mesmas, ten a posibilidade de incorporarse ao fin de festa musical.
Os interesados en acudir ás ceas do ciclo deberán dirixirse á Secretaría da Sociedade para facer a oportuna reserva de mesa. E aqueles que só queiran asistir aos concertos, abonda con que acudan ás instalacións do parque da Caeira, sen ter que facer reserva nin abonar entrada.