Concerto solidario para axudar o conservatorio de Utiel afectado polas inundacións

Pontevedra
04 de decembro 2024

O Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra organiza un concerto no Pazo da Cultura o xoves 19 de decembro con máis de 250 músicos que queren recadar fondos para axudar o Conservatorio de Utiel, afectado polos efectos da DINA

Concerto solidario da Banda de Música do Conservatorio Manuel Quiroga
Concerto solidario da Banda de Música do Conservatorio Manuel Quiroga / Mónica Patxot

O Conservatorio Manuel Quiroga organiza para o vindeiro xoves 19 de decembro, ás 19.30 horas, un concerto no Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá unha emotiva Gala de Nadal.

No acto participarán máis de 250 músicos para recadar fondos destinados ao Conservatorio de Utiel, gravemente danado polos efectos da DINA que atravesou a Comunidade Valenciana.

O evento, que dará comezo ás 19:30 horas, contará coa participación de cinco agrupacións de grao profesional do CMUS Manuel Quiroga: as Bandas I e II, as Orquestras I e II, e o Coro I, baixo a dirección dos seus respectivos mestres.

Segundo explica Jose Pérez, vicedirector do centro pontevedrés, a iniciativa xurdiu tras coñecer, a través da nai dun antigo alumno, a difícil situación que atravesa o conservatorio valenciano.

"Buscamos un concerto que agrupe ás formacións máis numerosas do centro e consideramos que a nosa Gala de Nadal era un bo escenario para poder recoller fondos", sinala.

O programa, deseñado especialmente para a ocasión, inclúe un repertorio variado que abrangue desde o pasodobre "Ponteareas" de Soutullo ata a obertura de "Nabucco" de Verdi.

Como colofón, as dúas bandas interpretarán conxuntamente dúas pezas, reunindo a máis de 100 músicos no escenario.

As entradas, cun prezo simbólico de 5 euros, estarán dispoñibles a partir do xoves 5 de decembro en Ataquilla.com.

Ademais, habilitarase unha fila cero para quen desexe colaborar sen poder asistir ao evento. A recadación íntegra destinarase ao conservatorio afectado.

A iniciativa conta co apoio do Concello de Pontevedra, a través do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez.