Celebración dobre no centro asociado da UNED en Pontevedra polo Nadal. Este ano organizaron dous concertos, os días 17 e 18 de decembro.
Así, ao concerto xa anunciado para o mércores 18 coa soprano e mestra de canto canadense Bonnie Marie Cooper Kowalski, o músico Samuel Serrano e o Coro Aberto-Open Choir sumarase agora outra cita previa.
O martes 17 de decembro, ás 19 horas, no salón de actos terá lugar a Gala Musical do Nadal protagonizada pola Orquestra de Saxos de Redondela.
Trátase dunha agrupación musical fundada a principios da década dos 90 do pasado século.
Esta orquestra é unha asociación sen ánimo de lucro que favorece a formación de mozas e mozos con inquietudes musicais que non contan con recursos.
A entrada a estes dous concertos será totalmente aberta e gratuíta até completar o aforamento e poderán asistir tanto alumnos da UNED como público en xeral.
A aposta do Nadal da UNED vai dirixida a seguir abrindo as portas do centro universitario pontevedrés ao público en xeral con todo tipo de actividades.