Concerto de Treixadura na Festa do Viño de Vilaboa

Vilaboa
09 de maio 2024

Neste concerto Treixadura revisará a súa discografía, prestando especial atención ao seu último traballo, “Camiño longo”, co que quixeron recuperar as melodías dos inicios do grupo

Concerto de Treixadura
Concerto de Treixadura / Cristina Saiz

O grupo Treixadura dará un concerto no marco da IX Festa do Viño de Vilaboa. Terá lugar ás 22:00 horas baixo o viaduto de Riomaior. 

Neste concerto Treixadura revisará a súa discografía, prestando especial atención ao seu último traballo, "Camiño longo", co que quixeron recuperar as melodías dos inicios do grupo para descubrir como lles cae a madurez e a experiencia aos temas máis emblemáticos. Este álbum é o rexistro dunha parte da vida compartido con todo o público da agrupación ao longo dos seus máis de 30 anos de carreira.

Ademáis da música de Treixadura as palilleiras de Figueirido estarán esta fin de semana na carpa que se instalará en Riomaior para acoller a esta festa na que se poderán degustar os caldos da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo e dos adegueiros locais.

Elisa Ruibal García "Casa da Boullosa"; Manuel Collazo Fernández; Jesús Amoedo Leiro "Casa da Torre"; Martín Torres González "Casa Cañoteira"; Nilda Alvariña, Furancho Antonio, Furancho de Jorge, Adega Ardán (Marín) e "Adega Os Areeiros" exporán os seus viños que poderán degustarse nunha copa editada polo Concello para esta ocasión e serigrafiada co logo da Festa e que poderá adquirirse ao prezo de 3 euros, retornables en caso de devolvela en perfectas condicións.

Ademáis, as casetas adquiridas polo Concello a finais do 2021 con motivo do primeiro Mercadiño de Nadal volverán acoller a Laura Filgueira con ERRE3; Carmen Castro con Cachiboreta e Obradoiro Hedra.

Tamén haberá postos de comida (polbo, churrasco e ostras), e tamén de doces, que acompañarán aos bos viños locais nunha programación que arrancará o sábado de 12 a 24 horas e o domingo de 12 a 17 horas.

Co espectáculo de Treixadura en Vilaboa a Deputación arranca os concertos do programa provincial +Música co que apoia aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia poñendo á súa disposición un catálogo de grupos e solistas musicais profesionais que realizan os seus espectáculos en lingua galega, ou, no caso de formacións instrumentais, interpretan pezas de autoría galega. O obxectivo é contribuír á difusión e o fomento da cultura galega, promovendo a reputación da provincia como destino cultural.

Entre este mes de maio e o de setembro están previstas un total de 59 actuacións nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.