As Festas de Verán, xa plenamente normalizadas tras a pandemia, non renunciarán a un dos ciclos musicais que máis éxito alcanzou nos últimos anos. Con Voz de Muller, protagonizado integramente por artistas femininas, volve ao calendario festivo estival.
Serán catro concertos, unha representación teatral e dous espectáculos de animación pola rúa os que animen a Praza da Ferrería entre os días 6 e 10 de agosto.
A edil de Festas, Carme dá Silva, avanzou que a música correrá a cargo da artista afroportuguesa Pongo, as galegas Guadi Galego e De Vacas e as madrileñas GInebras.
Pongo, o sábado 6 de agosto ás 22:30 horas, será a artista que abrirá este ciclo. Trátase dunha cantante e rapera con raíces africanas que mestura o kuduro e o dancehall cun pouco de música electrónica e de pop melódico. Presentará en directo Sakidila, o seu terceiro disco.
Para o domingo 7, Con Voz de Muller ofrecerá o pasacalles de Somdolilá, unha batucada feminista de mulleres que usan a música como ferramenta de sororidade, alegría e loita; e a representación da obra A síndrome de Lis, de Diana López Varela e Rocío Barrio.
A compañía Brassica Rapa, unha brass band nada a finais de 2017 que busca darlle unha volta ao concepto de charanga, abrirá a programación do luns 8, ás 20:00 horas, tras o cal Guadi Galego (22:30 horas) subirase ao escenario da Ferrería.
Guadi Galego, unha das voces máis singulares e recoñecidas do panorama musical galego, repasará no seu concerto en Pontevedra os grandes éxitos da súa carreira. Ata o de agora, o seu último disco de estudo é Costuras, editado en 2020.
De Vacas, pola súa banda, será a actuación coa que poderá gozar o público pontevedrés o martes 9 de xullo, ás 22:30 horas. É un cuarteto musical de guitarra e tres voces que fai versións de grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia.
Con Voz de Muller concluirá este ano co concerto de Ginebras, o domingo 10 de xullo, ás 22:30 horas, e que, como todos os demais deste ciclo, será de entrada gratuíta.
Ginebras son catro artistas, entre elas a galega Magüi Berto, son catro mozas con ganas de comerse o mundo que crearon un universo pop propio con tinguiduras de indie nacional e acompañado sempre de letras autobiográficas contadas con moito humor e con bo rolo.