Con moito humor e máis amor pola literatura: xa está aquí o Salón do Libro

Pontevedra
06 de marzo 2020

As portas do Pazo da Cultura abriron ás 19.30 horas deste venres, pero antes, como xa é tradición, os máis pequenos puideron gozar dun espectáculo inaugural que, nesta ocasión, estivo dirixido por Marcelo Dobode e contou con Soledad Felloza e NEE Barros como presentadores

Inauguración do Salón do Libro Infantil no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Inauguración do Salón do Libro Infantil no Pazo da Cultura de Pontevedra. /

Xa chegou o día que levaban un ano esperando amantes da literatura, lectores principiantes, familias e colexios. Este venres abriu as súas portas unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, unha cita xa imprescindible cada ano desde hai 21 que este 2020 terá o humor como temática principal e Italia como país convidado. 

As portas do Pazo da Cultura abriron ás 19.30 horas deste venres, pero antes, como xa é tradición, os máis pequenos puideron gozar dun espectáculo inaugural que, nesta ocasión, estivo dirixido por Marcelo Dobode e contou con Soledad Felloza e NEE Barros como presentadores.

As intervencións da Xingro ́s Big Band, o Coro da Xunqueira 1 e Manuel Albariñas, agasallos e as risas que non podían faltar nun evento que xira arredor do humor completaron a oferta da actividade e lograron deixar moi bo sabor de boca para o que aínda está por chegar, tres semanas, ata o vindeiro 28 de marzo nas que humor e literatura irán da man.

Durante esta primeira fin de semana, non faltará a presenza de habituais do Salón como Baobab Teatro, que estreará o seu novo espectáculo 'Ris Ras', destinado a un público de 1 a 7 anos. O domingo haberá pase triplo ás 12.00, as 17.00 e as 18.30 e un prezo de tres euros.

Este sábado 7  chegará un dos clásicos do Salón que máis cativos atrae, o Libro Xigante, unha actividade na que ilustradores dan forma a contos inventados polos nenos para ser recompilados neste caso no quinto volume. Os interesados en participar poderán facelo en horario de mañá e de tarde sen inscrición previa.

Ademais, haberá unha sesión de contacontos do italiano afincado en Madrid Simone Negrín, que será de balde no anfiteatro do recinto feiral ás 12.30 e organízanse unha ser de actividades da comunidade italiana afincada en Pontevedra Mater Lingua.

Como novidade, este sábado tamén chegará o espectáculo de clown 'Nono'. de Pista Catro, de balde no anfiteatro ás seis da tarde. Esta actividade vai substituír á actuación 'Out of the blu' que figuraba no programa inicial.

Ademais, ás sete da tarde está programado o espectáculo musical de Odaiko 'Vaia circo' e haberá ás 17.30 unha actividade para bebés, os contos 'Corochas' de Atenea García. A primeira cita custara tres euros e a segunda será de balde.

Una morea de obradoiros chegarán o domingo con Ceo Aberto, Reviravolta, Taller Abierto ou Mater Lingua e tamén os contos con Simone Negrín e Polo Correo do Vento.

O público xuvenil e adulto poderá gozar co percorrido pola exposición 'Unha ollada ao comic galego' ás 11.30 horas do sábado e o domingo co vermú musical en Pavero Bar ás 13.00 horas e a sinatura de libros de Luis Davila ás 17.30.

Ademais, o sábado haberá actividades no Ganapán de O Mercado ás 12.00 horas e o domingo no Teatro Principal da man do Cineclube Ponteveda, coa proxección de 'A famosa invasión dos osos en Sicilia', para público familiar ás 19 horas. Terá entrada libre.