A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este venres a programación de cultura para o ano 2022.
Este amplo programa de actividades, baixo o nome de 'Con-fiando Cultura' conta cun orzamento de 2.754.773 euros, un investimento en cultura "sen precedentes", segundo destacaba a presidenta provincial, xa que tamén hai que engadir as actividades culturais que se desenvolven a través doutros departamentos da Deputación e que contemplan programación de actos de carácter cultural.
Carmela Silva foi explicando toda esta ampla programación na compaña de Paula Cabaleiro, a directora para a área de Cultura, e a deputada responsable da área de Cultura, Victoria Alonso.
Destacaba a presidenta provincial a necesidade de "democratizar a cultura, que ten que chegar a todos os concellos da provincia de Pontevedra, que volva a cultura ao vivo, porque é relación e compartir", en referencia á priorización da difusión online nos últimos tempos motivada pola situación sanitaria da pandemia.
'Con-fiando Cultura' artéllase en varias áreas, en función do eido cultural que desenvolvan ou se se trata de programas propios ou colaboracións:
Confiando nos nosos programas: abrangue Pontegal, cun catálogo de grupos para que as asociacións poidan solicitar actuacións para os seus eventos durante todo o ano; e Musigal, coa programación de 55 concertos de música profesional galega nas prazas dos concellos da provincia
Axudas e subvencións 2022: a entidades sen fins de lucro para actividades culturais, festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas, así como a escolas de música
Confiando na música e nas artes escénicas:ciclo de concertos de música clásico-contemporánea en espazos patrimoniais da provincia baixo o nome de Música no Ar; o programa Ópera Papaguena de ópera contemporánea electrónica; Bailando a Terra, ciclo de danza en espazos patromoniais naturais; e Tornar ás Táboas, a aposta polas artes escénicas con compañías profesionais da provincia
Confiando no noso patrimonio: Tras as Ameas, programación cultural nos castelos de Soutomaior e Sobroso; Historias Cavadas, visitas escenificados aos castros musealizados da provincia; e Ruta de Arquitectura guiada por varios escenarios da provincia
Confiando na escrita: formada pola Escola de Letras, Roteiro Literarios e Feiras do Libro
Confiando no cinema: a través do paraugas do Rías Baixas Film Fest desenvólvense os festivais de Cans, Play Doc, Fic Bueu, Festival de Cine Inclusivo, Primavera de Cine, Curtas Festival do Imaxinario, Curtas Armadiña, Novos Cinemas e Galicia Freaky Film Fest. A estas citas hai que engadir as iniciativas Pontevedra Plató de Cinema, Pontevedra Provincia Film Comission, Ciclo Mestre Mateo e Ciclo Cinema Mulleres
Confiando na creación artística: Mulleres Extramuros, proxecto de intervención artística no rural con perspectiva feminista; e DepoCrea, o programa de residencias artísticas para creadores impulsado pola Deputación
Confiando nas artes, na artesanía e na historia: onde se contemplan diversas exposicións nas salas Rosalía de Castro e Maruja Mallo da sede en Vigo da Deputación, así como mostras itinerantes por diferentes concellos da provincia de Pontevedra
A cultura confiando nas súas datas: programacións específicas para o Día de Rosalía, Día da Poesía, Día do Teatro, Día das Artes Galegas, Día do Libro, Día da Danza, Día das Letras Galegas, Día da Música, Día do Cinema e Día do Patrimonio Audiovisual