Comezou o último festival do verán con Trueno, Dellafuente e SFDK

Pontevedra
26 de agosto 2023

Unhas 9.000 persoas gozaron este venres no Recinto Feiral de Pontevedra do último festival do verán, o Río Verbena Fest que trouxo á Boa Vila a estrelas da música urbana. Para este sábado espérase a Vetusta Morla, Xoel López e The Rapants, entre outros grupos

Río Verbena Fest
Río Verbena Fest / Mónica Patxot

Unhas 9.000 persoas gozaron este venres no Recinto Feiral de Pontevedra do último festival do verán, o Río Verbena Fest que trouxo á Boa Vila a estrelas da música urbana.

Os pontevedreses Chroma foron os encargados de dar o pistoletazo de saída a esta nova edición do Río Verbena, seguidos do aclamado rapeiro arxentino, Trueno. O artista de Buenos Aires ten só 20 anos e un enorme recoñecemento na escena do rap en español. Non deixa de cultivar éxitos como “Atrevido” e xa realizou colaboracións con grandes artistas como Nicki Nicole e Bizarrap no seu tema “Mamichula”.

Dellafuente, o trapero que máis o peta no noso país, chegou onte á noite ao Río Verbena unindo o trap máis urbano co flamenco das súas raíces e os ritmos latinos. Letras emotivas que mostran a realidade do día a día da xente de barrio que conquistan ao público en cada concerto.

Sendo a súa única actuación en Galicia, a expectación era máxima con Dellafuente, xa que se trataba dun dos grandes reclamos do cartel desta edición. Cun concerto en grao sumo completo, onde o granadino ofreceu unha auténtica realización audiovisual de primeiro nivel, cun storytelling elaborado e extras decorativos como unha moto, actores, bailaríns, xogos de luces e efectos especiais e mesmo un coche como parte do atrezo.

Tamén actuou o dúo máis icónico do rap español: SFDK. Grupo de rap sevillano formado por Zatu e Acción Sánchez, unha auténtica lenda no mundo do hip hop nacional. As súas letras xa son himnos, e lonxe de conformarse, non deixaron de innovar con cada disco. O seu directo desborda enerxía, con interpretacións impolutas, cheas de forza, carisma e capacidade para emocionar.

A festa estivo garantida en Río Verbena co talento de Certain People para mesturar diferentes xéneros e crear unha atmosfera chea de ritmo. Certain People é o proxecto dos DJ’s José Gonzalez e Manuel Gómez coa súa fusión de estilos que abarca desde Detroit ata Chicago e Nova York, sen esquecer nunca as súas raíces e a inspiración que atopan no funk e o disco.

Coa enerxía polas nubes, O Rabelo encargouse de traer os sons máis tradicionais e rexionais á chaira do recinto feiral. 

O ‘verbeneo’ continúa este sábado 26, no día con máis demanda por parte do público. As últimas 500 entradas están dispoñibles na páxina web do festival para ver a Vetusta Morla, Xoel López, The Rapants, Jenny and The Mexicats, Marilia Monzón ou Galician Army.

Ademais, Estrella Galicia contará con equipos de New Life, un proxecto que pretende concienciar sobre economía circular e a posibilidade de dar unha segunda vida aos residuos xerados neste tipo de eventos, recolléndoos nuns e reutilizándoos noutros.