Comezan as visitas guiadas pola mostra 'Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia'

Pontevedra
12 de agosto 2022

A partir deste 13 de agosto, todos os sábados ás 10.30 e as 12.00 horas, ata o 15 de outubro, José Luis Rodríguez e David Quiñones, comisarios desta exposición que permanece no Edificio Castelao do Museo, guiarán os visitantes para explicar os detalles dos traxes e da figura da fotógrafa norteamericana

Mostra de Sete Espadelas sobre Ruth Matilda Anderson e os traxes tradicionais
Mostra de Sete Espadelas sobre Ruth Matilda Anderson e os traxes tradicionais / Museo de Pontevedra - Deputación Provincial

A partir deste 13 de agosto, día de inicio das festas da Peregrina, unha das citas imprescindibles atópase no Edificio Castelao do Museo de Pontevedracoa exposición 'Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia', comisariada pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas, de Pontevedra. Desde este sábado comezan as visitas guiadas. 

Estes itinerarios guiados realizaranse todos os sábados en horario de 10.30 e de 12.00 horas, ata o 15 de outubro. Para participar é necesario inscribirse no correo electrónico [email protected]. José Luis Rodríguez e David Quiñones, responsables de Sete Espadelas, serán os encargados de guiar ao público e explicarlles con detalle a elaboración dos traxes tradicionais e a vida da fotógrafa norteamericana.

A mostra ofrece máis de 75 traxes, que reproducen as vestimentas que foron fotografadas por Ruth Matilda Anderson durante as súas viaxes a Galicia entre os anos 1924 e 1926. A súa cámara recolleu a Galicia dos anos 20 e, ao mesmo tempo, a artista gardou no seu caderno de bitácora datos sobre as súas experiencias.

No Edificio Castelao pódense observar máis de mil prendas expostas, a maioría antigas ou reproducidas a partir de patróns e tecidos de hai moitos anos, unidos a ferramentas de traballo orixinais da época.

Tamén se presentan 150 fotografías de Ruth Matilda Anderson coa súa visión sobre romarías, traballos no mar, no campo ou da vida cotiá con roupas de faena.