O vindeiro xoves, día 19, a Sociedade Filarmónica de Pontevedra poñerá en marcha a súa tempada 2024-2025.
Trátase da tempada 103 da súa historia e aseguran que será "das máis ambiciosas dos últimos anos", xa que está previsto ofrecer trece concertos, catro deles sinfónicos.
Abrirá cun concerto que estará a cargo do ensemble de música de cámara Dás Kolorit e no que se utilizarán instrumentos históricos; ao clave, sentará a pianista Rosalía Gómez Lasheras, intérprete habitual nas últimas tempadas da Sociedade Filarmónica de Pontevedra.
O primeiro concerto sinfónico chegará o venres 11 de outubro da man da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Sebastian Zinca e cun programa no que terán cabida obras de Eduardo Soutullo, Vaughan Williams e Sibelius. E tres días despois, o luns 14 de outubro, será a quenda do Trío Fortuny (violín, violoncelo e piano) que ofrecerán obras de Beethoven, Bach e Tchaikovski.
O martes 19 de novembro actuará a pianista xaponesa Miyu Shindo, Primeiro Premio do Concurso Internacional Ciudad de Vigo (2023), interpretando obras de Beethoven, Bach, Schumann e Liszt.
E en decembro, o luns día 2, volverá visitar a Sociedade Filarmónica de Pontevedra o pianista Misha Dacic, que tan bo recordo deixou a tempada pasada coa súa versión dos Doce Estudos de Execución Transcendental de Liszt. Esta vez virá acompañado da violonchelista Alejandra Díaz. O dúo ofrecerá sonatas de Brahms e Rachmaninov.
A tempada musical abrirá o 2025 co segundo concerto sinfónico, esta vez a cargo da Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección de Markus Stenz. Terá lugar o xoves 16 de xaneiro e poderanse escoitar obras de Louise Farrenc, Liebermann e Schumann. Na obra de Liebermann, Concerto para piccolo e orquestra, actuará como solista Joan Ibáñez.
Tamén en xaneiro, o luns 27, a pianista francesa Diana Cooper, Primeiro Premio do Concurso Internacional de Piano Ciudad de Vigo (2022), ofrecerá un concerto con obras de Mozart, Chopin, Schumann e Granados.
O Cuarteto Iberia (corda) actuará para a Sociedade Filarmónica o luns 24 de febreiro. Este cuarteto, Residente do Museo Lázaro Galdiano de Madrid, interpretará obras de Boccherini, Shostakovich e Ravel.
En marzo, visitará a Sociedade Filarmónica outro cuarteto de corda, nesta ocasión o Cosmos Quartet, Primeiro Premio do Concurso “Irene Steels-Wilsing Foundation Competition 2018” de Heidelberg. Será o luns 17 de marzo e soarán obras de Britten e Brahms.
O terceiro concerto sinfónico terá lugar o luns 21 de abril e estará a cargo da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia, baixo a dirección do hispano-venezolano José Luis Gómez e cun programa aínda sen determinar.
E catro días despois, o venres 25, será a quenda para a Real Filharmonía de Galicia, o cuarto concerto sinfónico. Baixo a dirección de Jessica Cottis, a agrupación compostelá ofrecerá un programa con obras de Raquel García-Tomás, Brett Dean e Beethoven (Sinfonía nº 7).
O 20 de maio será o grupo de corda Hamburger Elbphilarmonisches Sextett quen protagonizará un concerto no que interpretará os dous espléndidos Sextetos de corda de Brahms.
E a tempada finalizará cun concerto moi emotivo e especial. Terá lugar o 2 de xuño e estará a cargo da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, baixo a dirección de Nannette Sánchez Ordaz. A Sociedade Filarmónica de Pontevedra quere con este concerto render homenaxe á Sociedade Coral Polifónica con motivo do centenario da súa fundación.
Os catro concertos sinfónicos (11 de outubro, 16 de xaneiro e 21 e 25 de abril) celebraranse no Auditorio Sede Afundación de Pontevedra. O resto, terán lugar no Teatro Principal, e todos darán comezo ás 20:30 horas. Para os concertos de Afundación, as persoas que desexen asistir e non sexan socios da Sociedade Filarmónica poderán adquirir entradas para os mesmos en ataquilla.com, mentres que a Sociedade Filarmónica facilitará as entradas aos seus socios.