As novidades editoriais xa se mostran ao longo do paseo Antonio Odriozola dentro da celebración da Feira do Libro de Pontevedra que na tarde deste martes 14 inauguraba o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acompañado entre outras autoridades pola deputada provincial de Cultura Ana Isabel Vázquez, pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro e polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
O pregón que abriu as actividades desta Feira correu a cargo de Fernando Filgueira, fillo do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, o pontevedrés Xosé Filgueira Valverde. Na súa intervención recordou as facetas importantes do seu pai como bibliófilo, receptor de bibliotecas e como editor. E realizou un chamamento a que os pontevedreses a que acudan á Ferrería para que lean máis e regalen libros.
Pola súa banda, Román Rodríguez, destacou a importancia de que se desenvolvan estes eventos nunha época de crise e sinalou que as librarías son "puntos de resistencia" da cultura.
Oito librarías de diferentes puntos de Galicia participan nesta edición na que tampouco faltan os postos da Deputación Provincial e da Biblioteca Pública de Pontevedra. Ao longo dos puntos de venda pódense encontrar, entre outras, obras como Número Cero de Umberto Eco, No, mi General de Irene Lozano e Zaira Cantera ou La Templanza de María Dueñas. Tamén se encontran novelas en lingua galega como Son noxento de María Xosé Queizán ou a versión da última parte da triloxía de Dolores Redondo, Ofrenda á tormenta. Tampouco falta a literatura infantil, os cómics ou mesmo obras de Antonio Saura.
Dende este martes ata o día 19, os visitantes poderán gozar dunha ampla oferta de actividades coa presentación de novidades editoriais, cuentacuentos, obradoiros de ilustración, de maxia e de linguaxe de signos, recitais poéticos e firmas de libros con diferentes autores que se desenvolverán na carpa situada na Praza da Ferrería. A Feira tamén acollerá a proxección do documental de Gonzalo Veloso que leva por título Contextualizando a Filgueira Valverde.
Tras a súa estanza en Pontevedra, a Feira desenvolverase noutras once cidades galegas baixo o lema 'A historia en letras'.