Comeza a andar '+Escénicas', o primeiro circuíto de teatro e danza da provincia

Pontevedra
02 de outubro 2024

Neste mes de outubro de 2024 e ata marzo de 2025 van representarse 105 espectáculos demandados polos Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, que participan neste circuíto que se pon en marcha por primeira vez desde a Deputación de Pontevedra

Fragmento de 'Quixote', da compañía Pedras de Cartón
Fragmento de 'Quixote', da compañía Pedras de Cartón /

Representantes de diversas compañías de teatro e danza galegas reuníronse no Pazo Provincial de Pontevedra para asistir á presentación do novo circuíto cultural +Escénicas, impulsado pola Deputación de Pontevedra.

O acto contou coa presenza do deputado de Cultura, Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, e do presidente provincial, Luis López, quen destacaron a importancia de levar as artes escénicas en galego aos concellos de menos de 20.000 habitantes a través deste programa.

O evento comezou cunha representación dun fragmento doQuixote, a cargo da compañía Pedras de Cartón, que recreou a emblemática parella do fidalgo da Mancha e Sancho Panza subidos a un triciclo e unha bicicleta.

Despois da actuación, o deputado Jorge Cubela interveu para explicar as bases do proxecto, subliñando que "+Escénicas" nace baixo as premisas de "escoitar, decidir e facilitar o acceso á cultura".

A iniciativa, pioneiro na provincia, permitirá que os concellos seleccionen espectáculos de teatro e danza, ofrecendo igualdade de acceso á cultura para todos os seus veciños.

Cubela felicitou os concellos polo seu compromiso e destacou que as obras escollidas no circuíto combinan "sentimentos e emocións" para achegarse a toda a cidadanía.

Xoque Carbajal, da compañía MalaSombra, expresou a súa satisfacción co proxecto, lembrando os 15 anos de esforzos para establecer un circuíto cultural na provincia.

Carbajal agradeceu ao goberno provincial, presidido por Luis López, por facer posible este proxecto nun tempo récord e recoñeceu o traballo do persoal da Deputación, especialmente o de Begoña Fernández.

"Presidente, vostede xa pode dicir que sacou adiante o primeiro circuíto escénico da provincia", dixo dirixíndose a Luis López para finalizar a súa intervención.

Pola súa parte, Diego Vázquez Meizoso, xerente de Escena Galega, amosou o seu agradecemento en nome das 60 compañías que representan, subliñando a importancia de garantir a igualdade de oportunidades e a democratización cultural.

Vázquez destacou o papel de compañías como MalaSombra, Ibuprofeno, Teatro de Ningures, Ártika e Tanxarina pola súa aposta por esta proposta.

Luis López, presidente provincial, pechou a rolda de intervencións afirmando que "+Escénicas" representa unha ponte entre as compañías, os concellos e a veciñanza, reforzando o compromiso coa lingua galega ao asegurar que todos os espectáculos serán no idioma do país.

López destacou que o circuíto ofrecu un catálogo con obras de 258 compañías teatrais e 28 de danza a disposición dos 51 concellos de menos de 20.000 habitantes.

Neste mes de outubro de 2024 e ata marzo de 2025 van representarse 105 espectáculos demandados polos Concellos participantes.

Son funcións cofinanciadas nas que a Deputación achega, nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 90% da contía económica da representación.

O acto finalizou cunha actuación de danza contemporánea a cargo da artista Raquel Ferradás.