Comedia musical sobre a diversidade para inundar de teatro o Príncipe Felipe

Pontevedra
28 de marzo 2025

O Día Mundial do Teatro celebrouse neste centro coa obra "Pum! Pum! Quen hai?" de Ártika Cía, unha das producións incluídas no programa +Escénicas da Deputación de Pontevedra

Día do Teatro no Príncipe Felipe con Ártika Cía
Día do Teatro no Príncipe Felipe con Ártika Cía / Deputación de Pontevedra

O Centro Príncipe Felipe converteuse este xoves no escenario dunha especial celebración do Día Mundial do Teatro, unha efeméride que se conmemora desde 1961,

A Deputación de Pontevedra quixo sumarse á celebración cunha montaxe que pon en valor a importancia das artes escénicas na cultura mundial.

A deputada de Benestar Social e Igualdade, Sandra Bastos, asistiu á función "Pum! Pum! Quen hai?", unha comedia musical de Ártika Cía que forma parte do catálogo do circuíto provincial +Escénicas, iniciativa da Deputación para achegar as artes escénicas aos municipios.

A obra representada conta a historia de Gaia, unha nena que vive nunha aldea galega onde cada día é un xogo. A aparición de novos veciños misteriosos como Tía Maruxa ou Don Rosmón desencadea unha serie de equívocos cómicos que serven para abordar temas como a aceptación, a tolerancia e a diversidade.

Esta produción, pensada para toda a familia, destaca polo seu profundo arraigo cultural galego mentres aborda cuestións sociais de plena actualidade, convertíndose nunha auténtica celebración da comunidade e a diversidade social.

Durante a súa intervención, Sandra Bastos lembrou a importancia de iniciativas como +Escénicas: "Por primeira vez na historia, a Deputación puxo en marcha o pasado ano esta iniciativa para espallar o teatro e a danza por toda a provincia, para que a maxia das artes escénicas chegue a todas as nosas veciñas e veciños". 

Sandra Bastos na celebración do Día do Teatro
Sandra Bastos na celebración do Día do TeatroDeputación de Pontevedra

"O máis grande que ten o teatro é ter preto a quen o interpreta, vivir coas actrices e os actores todas esas aventuras ás que lles dan vida", destacou Bastos durante o evento.