O canteiro José Meijón Area (Marín, 1899-1980) será o protagonista das VIII Xornadas Xan Montenegro de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, organizadas polo Colectivo Monte Pituco (Pornedo) co lema "José Meijón, maza e cicel".
O xoves 14 de novembro a partir das 19:00 horas celebrarase unha charla no Museo Manuel Torres titulada "Historia e memoria dun neopetroglifeiro" na que participarán o profesor e investigador Germán Labrador e a presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, Queta Molas.
Germán Labrador é autor de varios artigos académicos sobre este marinense senlleiro, que ao longo de case cincuenta anos, dedicouse a realizar gravados en numerosos espazos da vila, tanto no casco urbano como no litoral e no monte, incluído o Pornedo.
Para o investigador pontevedrés esta actividade "obedeceu non só ás escuras forzas da loucura, senón tamén a unha irrefreable vontade de facer arte, recoñecida polos seus coetáneos en clave de beleza, pero invisible hoxe aos ollos das institucións en xeral, e das artísticas en particular, por máis de ser estritamente contemporánea e afín respecto de proxectos de intervención paisaxística que etiquetamos como land-art".
A achega de Queta Molas consistirá en contextualizar historicamente a obra de Meijón no marco dunha etapa marcada pola Guerra Civil e pola ditadura franquista que, segundo Germán Labrador, xerou unha "violencia estrutural" que constitúe o "motor" da súa obra.
Precisamente, a abundancia de gravados motiva que o Colectivo Monte Pituco organice dúas rutas para visitar algúns dos enclaves nos que Meijón deixou a súa pegada: o venres ás 19:00 horas a Praza de Abastos de Marín será o punto de encontro para percorrer a rúa Calzada, onde estivo a súa casa, os muros da Igrexa Vella ou o lavadoiro do Souto.
O domingo ás 10:00 horas, dende o mesmo punto de saída, o itinerario dirixirase cara á parroquia de San Xián para descubrir as figuras que José Meijón trazou con maceta e punteiro en muíños, valados, fontes e outras laxes, tamén asociadas a algunhas estacións rupestres prehistóricas.
As VIII Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián completaranse coa celebración, o sábado 16 de novembro -no que se conmemora o Día do Patrimonio Mundial- ás 13:00 horas, dunha homenaxe a Xan Montenegro organizada pola familia e os achegados.
Xan Montenegro foi presidente da Asociación de Veciñas e Veciños de San Xián, ademais de activista cultural e político. Será no lugar do Carballal, ao carón do monolito instalado en 2013, dous anos despois do seu pasamento.