A colección do pontevedrés Roberto Taboada dedicada a Castelao segue o seu periplo por Galicia

Pontevedra
17 de febreiro 2025
Actualizado: 18:16

A mostra estivo exposta en Rianxo, a localidade natal de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao, e proximamente poderá verse na Coruña e Lugo

Intervención do director do Museo de Artes do Gravado na apertura de "Os homes, por Castelao, na colección de Roberto Taboada"; á súa esqda., o alcalde de Rianxo e Roberto Taboada
Intervención do director do Museo de Artes do Gravado na apertura de "Os homes, por Castelao, na colección de Roberto Taboada"; á súa esqda., o alcalde de Rianxo e Roberto Taboada / Concello de Rianxo

A principios deste mes de febreiro, pechábase en Rianxo a exposición "Os homes, por Castelao na colección de Roberto Taboada".

A iniciativa era explicada na web Ano Castelao 2025, creada para celebrar o legado de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950) na conmemoración do 75º aniversario da súa morte.

Expón o citado medio que as obras seleccionadas polo pontevedrés Roberto Taboada Rivadulla son as pranchas de zinc coas que se imprimiron os monotipos de Castelao no xornal Galicia.

Editadas na cidade de Vigo ao longo de 1925, estas obras darían pé á publicación de "50 homes por dez reás", acompañadas tamén polas viñetas orixinais deste xornal, así como unha pequena mostra de distintas edicións da citada publicación.

A mostra de Rianxo, vila natal de Castelao, estivo impulsada polo coleccionista Roberto Taboada, en colaboración co Museo de Artes do Gravado e a Estampa Dixital e o Concello de Rianxo.

Unha vez rematada a súa presenza na Comarca do Barbanza (previamente recalou en Ribeira), a exposición xirará por varias localidades galegas, das que xa están confirmadas A Coruña e Lugo.