O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaba este martes 13 de agosto un protocolo de colaboración coa Fundación Manuel Moldes, co obxectivo de promover e difundir a obra do pintor pontevedrés, falecido en 2017.
O acto, que tivo lugar na casa consistorial, contou coa presenza da presidenta da Fundación Manuel Moldes, May Díaz; do edil de Cultura, Demetrio Gómez; e de Manuel Moldes Díaz, fillo do pintor.
Demetrio Gómez destacou a importancia desta colaboración, afirmando que "asinamos un protocolo de colaboración que non só se limita ao curso que comeza en setembro, senón que se estende ata o ano 2027, podendo ser prorrogado un ano máis se así o deciden as dúas partes".
O concelleiro de Cultura manifestou que as actividades que se están preparando "darán a coñecer a obra de Moldes, especialmente ao público máis novo".
Pola súa banda, May Díaz expresou o seu agradecemento ao Concello, destacando que "parecía fundamental chegar a este acordo para realizar actividades que serían difíciles de levar a cabo sen a súa axuda".
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, remarcou que "Pontevedra é unha cidade dinámica que se constrúe entre todos" e resaltou a importancia de dar a coñecer a obra de Moldes. "Tivemos a fortuna de ter un pintor universal como foi Manuel Moldes, que naceu e fixo a súa vida aquí. É importante divulgar a súa obra e darlla a coñecer a todo o mundo", lembraba o rexedor.
O protocolo permitirá que se realicen visitas guiadas e teatralizadas á exposición permanente na sede da Fundación Manuel Moldes, situada no edificio da Xunta da rúa Benito Corbal, fronte a onde estivo ubicado o seu estudo. Tamén posibilitará a organización de actividades culturais en diferentes centros educativos de Pontevedra, así como dar a coñecer obras que moitos pontevedreses descoñecen, como o mural do centro da UNED.
Ao tratarse dun protocolo, non hai unha dotación económica prevista. A estimación farase próximamente. Neste sentido, dende o Concello maniféstase o firme compromiso de seguir colaborando co equipo da fundación para que a obra de Manuel Moldes chegue a todos os veciños e veciñas.