Clubs de lectura e alumnado dos institutos de Pontevedra puideron coñecer este venres de primeira man os resultados do Obradoiro Internacional de Tradución Poética 'Con barqueira e remador’' celebrado entre o 30 de setembro e o 5 de outubro na Illa de San Simón.
A cidade acolleu esta semana dous recitais cos froitos deste obradoiro internacional no que se deron cita seis novos talentos poéticos dos Balcáns, Latinoamérica, Transilvania ou o Mediterráneo: Radu Vancu, Martí Sales, Andrea Cote, Nadia Mifsud, Petar Matović e o galego da Pastoriza (Lugo) Jesús Castro Yáñez.
Da man de Yolanda Castaño, organizaron unha cita o mércores 2 e outra este venres 4.
O mércores o punto de encontro foi a libraría Metáfora. Alí, en colaboración co Concello de Pontevedra, houbo un recital en linguas orixinais, seguido das versións en galego realizadas para a ocasión.
Este venres, tamén en colaboración co Concello, o recital chegou ao Teatro Principal e contou tamén coa presenza de cidadanía en xeral e do alcalde e o concelleiro de Cultura, Miguel Anxo Fernández Lores e Demetrio Gómez.