A actriz Clara Galle (saga A través de mi ventana) e o actor Álvaro Rico (Las abogadas, Élite) serán os encargados de anunciar en Pontevedra as series e películas nominadas aos Premios Feroz, que se entregarán na cidade o 25 de xaneiro de 2025.
Será nunha rolda de prensa convocada para as 12.00 horas da mañá do vindeiro xoves 28 de novembro no Teatro Principal.
Por primeira vez na historia dos Premios Feroz, este acto de presentación das nominacións será aberto ao público. Trátase dunha decisión resultado da negociación entre o Concello de Pontevedra e a Asociación de Informadores Cinematográficos de España que conde estes recoñecementos.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías; e a produtora executiva dos premios, Laura Seoane, deron a coñecer os detalles este mércores.
O Concello negociou cos organizadores, segundo explicou Lores, que fora un acto público no que "os cidadábs puideran interrelacionar ou participar" e o resultado é que a partir deste xoves 21 de novembro todas as persoas que queiran asistir a este evento poderán retirar unha invitación.
Laura Seone destacou que é "a primeira vez que abrimos esta rolda de prensa á xente", de maneira que é "unha experiencia" tamén para a asociación. Xustifica que "dada a resposta da cidade" a todas as actividades previas, coa que están "moi contentas", este ano "ten máis sentido que nunca".
Como xa sucedeu con todas as actividades previas aos Feroz organizadas durante os últimos dous meses, as invitacións poderán retirarse na Oficina de Turismo da Praza de España de Pontevedra. Haberá unha capacidade de 400 entradas.
Na presentación das nominacións estarán a presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos, María Guerra, e tamén Álvaro Rico e Clara Galle, que van presentar máis de 200 audiovisuais nominados, 150 películas, e 57 series.
Todas estas pezas nominadas optarán a un total de 11 premios relacionados co cinema e sete relacionados coas series de televisión.
Tamén haberá nos premios que se entregaràn en Pontevedra tres galardóns honoríficos. Un xa se coñece, o Feroz de Honra ao director e guionista Jaime Chávarri. E durante o mes de decembro coñeceranse os premios Arrebato de Ficción e Non Ficción.
Lores destacou que estes premios forman parte da filosofía do Goberno local de estar "promocionando a cultura cinematográfica" e sinalou que están "encantados da resposta cidadá e de todo o sector cultural", un sector que "ten moita importancia en Pontevedra" e que "está sorprendendo pola cantidade de xente que asiste".