O Festival de Cinema de Bueu (FICBUEU) amplía o seu alcance cunha iniciativa para levar obradoiros de creación e proxeccións ás escolas de toda Galicia.
Baixo o nome 'Cinema con perspectiva', o programa ten como obxectivo fomentar a igualdade, o interese polo cinema e a educación audiovisual entre a mocidade galega. Contará coa participación de corenta centros educativos.
De cara a traballar e reflexionar sobre a igualdade de xénero e social, a iniciativa consistirá na realización de sesións de proxección de curtametraxes cun posterior coloquio e análise dos filmes. Ofreceranse ferramentas para que os escolares identifiquen valores e comprendan as mensaxes enviadas a través destes, comparando opinións e debatendo sobre o papel da muller na sociedade e as problemáticas existentes neste eido.
Durante os obradoiros, os escolares aprenderán diferentes aspectos do cinema, como a dirección, a interpretación, a produción ou a edición de películas realizando unha pequena curtametraxe para poñer en práctica as ferramentas e conceptos sobre linguaxe cinematográfica que o equipo do FICBUEU achegará.
A partir da semana que vén a organización dará comezo ao programa que se estenderá ata finais de curso nos centros educativos.