Cineclube Pontevedra: todas as películas de outubro que poderás ver no Teatro Principal

Pontevedra
28 de setembro 2024

A programación de outubro do Cineclube Pontevedra arrancará coa proxección de 'O fillo único' (1936), primeira longametraxe sonora do mestre xaponés Yasujiro Ozu.

'Historia dunha veciñanza' (1947)
'Historia dunha veciñanza' (1947) /

A programación de outubro do Cineclube Pontevedra arrancará coa proxección de'O fillo único' (1936), primeira longametraxe sonora do mestre xaponés Yasujiro Ozu.

Con este filme, rodado no período de entreguerras, incriblemente conmovedor e agridoce, calificado polo teórico Noel Burch como "logro supremo", Ozu senta as bases dos seus máis sonados filmes posteriores. A proxección terá lugar o luns día 7.

Ademais, o luns 28 proxectarase 'Historia dunha veciñanza' (1947), o primeiro filme de Ozu logo do hiato de cinco anos que supuxo a Segunda Guerra Mundial; unha obra recentemente restaurada e presentada en Cannes Classics, que foi estreada por primeira vez en salas a finais do pasado ano.

Todas as sesións terán lugar no Teatro Principal ás 20:30 horas.

Pola súa banda, as sesións dos martes acollerán dúas magníficas propostas dos anos 70, que mesturan documental e ficción para poñer sobre a mesa cuestións como o racismo ou a violencia sexual: 'Bushman' (1971) é a obra máis recoñecida do estadounidense David Schickele, protagonizada por un mozo nixeriano nos Estados Unidos nos convulsos anos 60; en'Not a Pretty Picture'(1976), a directora Martha Coolidge pon en escena a violación que sufriu aos 16 anos cunha mirada pioneira e feminista, nun filme especialmente recomendado para o fomento da igualdade de xénero polo ICAA.

Haberá espazo tamén para dúas estreas recentes: a última longametraxe do director belga Bas Devos, que vén de gañar o premio ao Mellor Filme na sección Encounters da Berlinale e cuxa obra anterior foi obxecto dun Foco no marco da edición 4 do Festival Novos Cinemas de Pontevedra; e o último traballo da directora alemá Angela Schanelec, unha fascinante interpretación contemporánea do mito de Edipo que lle valeu o Oso de Prata ao Mellor Guión na pasada Berlinale.

Todos os filmes proxectaranse na súa versión orixinal con subtítulos en español, excepto 'Bushman' e 'Música', que terán versión subtitulada en galego.

Todas as sesións terán lugar no Teatro Principal ás 20:30 horas.

 

LUNS 7  | O FILLO ÚNICO Hitori musuko, Yasujiro Ozu, 1936

 

MARTES 8 | BUSHMAN David Schickele, 1971

 

MARTES 15  | NOT A PRETTY PICTURE Martha Coolidge, 1976

 

MARTES 22  | HERE, Bas Devos, 2023

 

LUNS 28  | HISTORIA DUNHA VECIÑANZA Nagaya shinshiroku, Yasujiro Ozu, 1947

 

MARTES 29  | MÚSICA, Angela Schanelec, 2023