Cineclube Pontevedra dedica o mes de marzo a Víctor Erice

Pontevedra
26 de febreiro 2024

Co gallo do seu regreso á longametraxe e ás salas de cinema logo de máis de 30 anos, o Cineclube Pontevedra dedícalle os tres martes de marzo ao cineasta vasco Víctor Erice

'Cerrar los ojos', de Víctor Erice
'Cerrar los ojos', de Víctor Erice

Co gallo do seu regreso á longametraxe e ás salas de cinema logo de máis de 30 anos, o Cineclube Pontevedra dedícalle os tres martes de marzo ao cineasta vasco Víctor Erice, recuperando en copias restauradas as dúas obras mestras coas que se deu a coñecer ('El espíritu de la colmena' i 'El Sur') e proxectando o seu último traballo, 'Cerrar los ojos', todo un acontecemento para a cinefilia, que vén de ser aclamado en Cannes, Nova York ou Toronto e que foi estreado en salas o pasado mes de setembro.

O martes día 5 de marzo, ás 20:30 horas, no Teatro Principal proxectarase 'El espíritu de la colmena', un emocionante retrato sobre a infancia e o asombro, cunhas inesquecibles interpretacións das pequenas Ana Torrent e Isabel Tellería, acompañadas por Fernán Gómez e Teresa Gimpera.

Xa o martes 12, ás 20:30 horas, no Principal está programado o filme 'El Sur', e o martes 19, ás 20.30 horas, no mesmo Teatro Principal e a quenda de 'Cerrar los ojos'.

LUNS DE FILMOTECA

Por outra banda, como froito da xa habitual colaboración entre a Agadic e algúns cineclubes galegos, botan a andar os Luns de Filmoteca: dous luns ao mes que se estenderán ata o mes de novembro para achegarlle ao público pontevedrés unha selección dos filmes programados pola Filmoteca de Galicia. 

Así, o luns 11, ás 20:30 horas, no Teatro Principal poderase ver 'O movimento das coisas' de Manuela Serra. E o luns 18, ás 20:30 horas, no Teatro Principal proxectarase 'Alma Viva', de Cristèle Alves Meira, 2022.

Son dous filmes portugueses dirixidos por mulleres: o primeiro, unha verdadeira alfaia do cinema luso, 'O movimento das coisas' (1985), magnífico retrato dunha aldea nas beiras do río Limia e única longametraxe da directora Manuela Serra, que non foi estreada comercialmente ata o 2021 e que recuperamos en copia restaurada; o segundo, Alma viva (2022), é tamén unha primeira obra, dirixida por Cristèle Alves e localizada neste caso nunha aldea de Trás-os-Montes.