A programación de abril do Cineclube Pontevedra contará con dúas recentísimas estreas.
Grand Tour (2024), o último traballo do portugués Miguel Gomes, que se alzou no último festival de Cannes co Premio á Mellor Dirección, poderá verse o martes 1. A nova proposta do portugués é unha arrebatadora viaxe polo sueste asiático, en palabras de Elsa Fernández-Santos "de principio a fin unha oda á beleza que emana de toda tristura, esa saudade portuguesa que este filme eleva a monumento".
O martes 29 será a quenda de Vermiglio, o último traballo da directora italiana Maura Delpero, que foi gañador do Gran Premio do Xurado no Festival de Venecia de 2024. Un aquel de léxico familiar da directora ambientado nos Alpes italianos e co escenario da Segunda Guerra Mundial ao lonxe, aínda que ben presente na vida das que non van ao campo de batalla: mulleres, crianzas, maiores, mestres ou sacerdotes.
As sesións de filmoteca de abril dedicaránselle ao cineasta brasileiro Leon Hirszman (1937-1987), membro precoz do Cinema Novo e considerado no seu seo como a conciencia política do movemento.
Hirszman interesouse por temas queridos pola esquerda na primeira metade dos anos setenta, deulle protagonismo nos seus filmes ao suxeito proletario e expuxo no seu cine os mecanismos de opresión capitalista.
Proxectaranse Eles Não Usam Black-Tie (1981) o 7 de abril, unha das grandes triunfadoras do Festival de Venecia de 1981, e o documental ABC da greve (1979-1990), cun novísimo Lula da Silva liderando as folgas das grandes fábricas automobilísticas no ano 1979.
MARTES 1 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA
GRAND TOUR Premio á Mellor Dirección en Cannes 2024. Miguel Gomes, 2024, Portugal, 129 min., VOSE. Lingua orixinal: portugués, chinés, tailandés, francés, birmano, vietnamita, filipino, xaponés. Non recomendada para menores de 12 anos
1917, Birmania. Edward é un funcionario do Imperio Británico destinado en Rangún. Ante a inminente chegada de Molly, a súa prometida, entra en pánico e foxe. Durante a súa viaxe, non obstante, o pánico deixa paso á melancolía. Contemplando o baleiro da súa existencia, o covarde de Edward pregúntase que será de Molly. Mais Molly, decidida a casar e divertida pola xogada de Edward, séguelle a pista a través de distintos lugares de Asia.

LUNS 7 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA
ELES NÃO USAM BLACK-TIE León de Prata - Gran Premio do Xurado, premios Fipresci e OCIC no Festival de Venecia de 1981. Dirixida por Leon Hirszman, 1981, Brasil, 112 min., Brasil, VOSE. Lingua orixinal: portugués
Eles não usam black-tie achéganos aos conflitos, as contradicións e os desexos da clase traballadora brasileira de finais dos anos 70, durante a crise final da ditadura militar. Baseada na obra de teatro homónima de Gianfrancesco Guarnieri escrita en 1950, a película adopta unha narrativa realista que expón solucións antagónicas para a vida dos traballadores: a esperanza no colectivo fronte ás solucións individualistas. A trama constrúese de maneira conmovedora en torno ao conflito entre un pai militante que defende a acción colectiva e o seu fillo alienado con aspiracións pequeno-burguesas, reflectindo os efectos da loita pola supervivencia no seo dunha familia de clase traballadora.
LUNS 28 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA
ABC DA GREVE Dirixida por Leon Hirszman, 1979-1990, Brasil, 100 min., VOSE
Documental que rexistra a primeira folga xeral do Brasil logo da implantación do Auto Institucional núm. 5 polo réxime militar. Na rexión do ABC paulista, o 13 de marzo de 1979 arredor de 180.000 obreiros do sector metalúrxico interrompen a produción conducidos polo sindicato, liderado entón por Luis Inácio "Lula» da Silva. Filmado en 16 mm e baixo un sistema cooperativo, o filme recolle as imaxes do movemento obreiro das grandes fábricas automobilísticas e multinacionais na loita por mellores salarios e condicións de vida, e en plena construción da súa identidade política.
O proxecto foi concluído postumamente entre 1989 e 1990, trala prematura morte de Hirszman, polo fotógrafo Adrian Cooper e co apoio da Cinemateca Brasileira.
MARTES 29 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA
VERMIGLIO Gran Premio do Xurado en Venecia 2024. Dirixida por Maura Delpero, 119 min., Italia, VOSE. Lingua orixinal: italiano (trentino). Non recomendado para menores de 12 anos
Finais da Segunda Guerra Mundial en Vermiglio, un remoto lugar nos Alpes italianos. A chegada dun soldado desertor á aldea vai marcar un antes e un despois na vida dos seus habitantes, especialmente na familia do mestre, que verá como cada un dos seus membros se dirixe a un destino inesperado.