O proxecto "José Gil. Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema" chega esta fin de semana a Bueu, completando a primeira parte dun percorrido por trinta concellos da provincia de Pontevedra dando a coñecer ao iniciador da sétima arte en Galicia.
A programación ábrese este venres 16 de xuño. Pola mañá terán lugar as actividades para os centros de ensino. Pola tarde, o público xeral terá a oportunidade de coñecer máis a José Gil, cunha proxección de balde que se poderá ver ás 20:00 horas no Centro Social do Mar.
O día forte será o sábado 17, cando se celebrarán na contorna exterior da Casa Consistorial unha serie de eventos a partir das 10:00 horas. Comezarase coas visitas ao Cinemóbil nº3, que contén unha recreación do camión ambulante no que José Gil difundía as súas proxeccións. A continuación, terá lugar a presentación do libro Nos días encantados de agosto, unha biografía de José Gil escrita por Manolo González (Ed. Galaxia) logo de 30 anos de pesquisas na vida e a obra do iniciador da arte audiovisual en Galicia, e que vén de ser galardoado co prestixioso Premio Antón Losada Diéguez de Investigación e Ensaio.
A xornada do sábado rematará ás 13:00 horas coa sesión vermú na compañía da Banda de Música Artística de Bueu, e na que se poderán escoitar algunhas das músicas de Gil, con títulos como "A miña aldea", "Overture español", "Alborada", "Go Ring Them Bells", "Nocturno", "Balada Galega", "Anmerland", "Candilejas", "Tannhauser" e "Himno Galego".
JOSÉ GIL, PIONEIRO DO CINEMA GALEGO
José Gil (As Neves, 1870 – Vigo, 1937) foi un rapaz de orixe humilde que a pesar diso logrou desenvolver un traballo de gran relevancia na historia do cinema galego. Comezou a rodar películas en 1907 e foi tamén o primeiro que, en 1916, filmou unha película de ficción en Galicia: "Miss Ledya", na que Castelao interpretaba un papel, e que foi gravada na Illa da Toxa e con exteriores tamén nas beiras do río Lérez en Pontevedra.
Director, operador de cámara, fotógrafo, produtor ou exhibidor de cine, entre os seus principais oficios, ademais da representación en Vigo dos automóbiles Ford. Este emprendemento a pesar da súa vida tráxica, tamén de película, marcada polas enormes dificultades e desgrazas que tivo que atravesar, como a morte das súas fillas por tuberculose.
O camión ambulante de José Gil sábese que no seu tempo visitou Bueu. O título máis representativo realizado na vila foi o filme conservado "Boda en Bueu" (1928), co rexistro do enlace matrimonial de José Santos Ríos y Manuela García Santos. As conserveiras de Bueu patrocinaron a derradeira filmación de Gil: "Península de Morrazo" (1935).