O anunciado estase a cumprir. O 28 Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra regresou con toda a súa intensidade tras dous anos de pandemia e este xoves, na súa segunda noite de actuacións, encheu de sonoridade a praza da Ferrería.
Sobre o escenario, o último proxecto do guitarrista e compositor portugués André B. Silva, 'The Guit Kune do', no que cinco mestres guitarristas galegos e portugueses, un baixista e un baterista buscan sonoridades e lóxicas menos exploradas.
Actuaron o propio André B. Silva e, á guitarra eléctrica, sumáronselle António Pedro Neves AP, Eurico Costa, Virxílio da Silva e Francisco Rua. Ao carón, o baixo eléctrico de João Próspero e a batería de Diogo Silva.
'The Guit Kune Do' converteu A Ferrería nunha oda á guitarra e aos ritmos mainstream do final do século XX. As influencias do jazz, do funk, do hip-hop e do rock notáronse sobre o escenario, nunha actuación ao mesmo tempo enerxética e introspectiva.
Este proxecto, que desde novembro de 2020 se materializou nun album, ten gañado o entusiasmo e o apoio de público e críticos ao longo destes últimos anos e este xoves fixo o propio cos espectadores que encheron a praza da Ferrería.
O festival continúa este venres 22 de xullo coa catalá Andrea Motis, unha das artistas de jazz deste país con maior proxección internacional", destacaron na presentación. Cantante, compositora, trompetista e saxofonista, explora e mestura nos seus discos sonoridades como o funk, o jazz eléctrico ou o neo-soul.
O concerto do sábado 23 de xullo subirá ao escenario a danesa Ida Nielsen, unha das mulleres máis importantes da escena jazzística actual e unha artista que ten base de rhythm and blues pero que engade soul, hip-hop ou funk.
O domingo 24 o festival rematará coa estadounidense Samantha Fish, gañadora en 2012 do premio de artista revelación dos Blues Music Awards.
Todos os concertos son de balde e comezan ás 22:30 horas na Praza da Ferrería.