A asistencia ao Museo de Pontevedra está a alcanzar cifras récord. No que vai de ano, os datos dos visitantes confirman un dos mellores rexistros da última década, que consolidan ao Museo como unha institución de referencia no país.
De feito, segundo a información facilitada pola Deputación, a día de hoxe, "todos os datos de visitas de 2022, tanto o acumulado anual, os datos de verán, do mes de agosto e sobre todo da semana de festas están a superar con grande marxe os números do ano pasado".
O presidente en funcións, César Mosquera, manifestou a súa satisfacción por estas cifras e polo éxito das coleccións permanentes, das exposicións temporais, así como das diferentes actividades programadas que, ao seu entender, "poñen de manifesto o bo traballo que está a facer a institución, aínda con moito marxe de mellora".
Unha das exposicións que vai camiño de ser a máis visitada do ano é a de Ruth Matilda Anderson e os traxes tradicionais que "está a ter un éxito elevadísimo".
Ademáis, a semana das Festas da Peregrina, e o mes de agosto en xeral está sendo "de récord". O Museo, indicou Mosquera, "está tirando moi ben e aínda lle queda moito percorrido. Un museo da súa potencia ten que mellorar esas cifras e vanse mellorando a moi bo ritmo".
En canto a estes datos, no que vai de ano o Museo rexistrou un total de 108.543 visitantes, unha cifra "moi rechamante que leva camiño de récord absoluto ao final de exercicio". E é que o ano pasado, en 2021 a estas alturas acudiran un total de 72.787 persoas, 35.756 menos que este ano, o que supón un incremento en 2022 dun 49%.
Por outra banda, no ano 2014 a cifra de visitas a 31 de decembro fora de 94.468, en 2015 de 73.715, en 2016 de 107.478, ou de 80.765. Só se roldaron os 150.000 visitantes que este ano van camiño de superarse moi amplamente en 2017 e 2018.
Na semana das Festas da Peregrina, entre o sábado 13 e o domingo 21 de agosto, rexistrouse unha entrada de 14.628 persoas, case 2.000 máis que no mesmo período do ano anterior. Houbo varias xornadas nas que se superaron amplamente as 2.000 persoas visitantes por día, chegando a 2.775 na xornada do pico máximo, e só baixando ata as 1.357 o domingo 14, cando as instalacións do Museo de Pontevedra estiveron abertas só en horario de mañá, apenas media xornada.
Finalmente, os números do que vai do mes de agosto tamén son "moi positivos". Ata principios desta semana houbo un total de 32.548 visitantes, unha cifra que supera en centos a do ano anterior a estas alturas.
Un dos motivos do tirón semella estar tanto no atractivo do edificio estrela do Museo, as Ruínas de San Domingos, como na exposición inaugurada o pasado día 4 baixo o título 'Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia', que en só apenas 20 días sumou 3.716 persoas, atraendo unha afluencia de público tanto autóctono como foráneo que "con toda seguridade se multiplicará ata o seu peche o vindeiro 23 de outubro".
Tamén a mostra 'Arte Prehistórica. Da rocha ao museo' está a resultar atractiva: dende o pasado 14 de xullo leva rexistradas 5.073 visitas, sendo a día de hoxe a que máis visitantes recibiu en termos absolutos durante todo o ano, por diante das mostras 'A presenza invisible. Perfumes Art Nouveau Art Decó' (4.150), 'De Babiano Méndez-Núñez a Mendoza Babiano' (4.096), e 'Voilá la femme. XXV Aniversario' (2.794).
Con respecto á orixe das persoas visitantes indican desde a Deputación que mantense a tónica que xa se rexistrara na Semana Santa, practicamente duplicando o número de persoas estranxeiras interesadas en coñecer os edificios e programación do Museo, incrementándose tamén as persoas visitantes de orixe galega, e manténdose sostidas as visitas de turistas do resto do Estado.