O XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra será, previsiblemente, o máis ambicioso da súa historia. Non só porque a súa duración vaia ampliarse unha semana máis -chegando a un mes continuo de actividades-, senón porque a temática escollida este ano, Da ciencia á ficción, está a espertar o interese de museos e institucións científicas de todo o Estado. Moitas delas pediron formar parte da programación do Salón.
Así o avanzou a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, durante a presentación do cartel desta nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil, un evento que se celebrou no marco da segunda xornada de Culturgal, a Feira Galega das Industrias Culturais que se está a desenvolver durante toda a fin de semana no Recinto Feiral de Pontevedra.
Esta nova edición do Salón terá lugar entre os días 27 de febreiro e 28 de marzo de 2015. Con esta ampliación, o Concello de Pontevedra busca dar máis tempo, especialmente aos centros escolares, a que participen neste evento. ÿ un esforzo que obrigará a aumentar o orzamento desta iniciativa cultural, xa consolidada no calendario galego e que conta cada vez cunha maior difusión fóra das nosas fronteiras.
"Tiñamos un problema que víñamos arrastrando desde hai moito tempo e que con esta decisión cremos que vamos a poder solucionar", explicou Anxos Riveiro. A grande cantidade de centros escolares que acoden ao Salón para presentar os seus traballos facía que as visitas foran moi curtas para eles, polo que ao ampliar os días do evento poderanse repartir e evitar que moitos colexios coincidan no mesmo día.
Esta nova edición do Salón terá lugar entre os días 27 de febreiro e 28 de marzo de 2015
A organización está ultimando xa a programación para todo este mes de actividades. E, segundo a concelleira de Cultura, virá cargada de novidades. Unha delas será a notable participación de museos e centros de investigación, interesados na faceta divulgativa que se lle quere imprimir á edición deste ano. A Casa das Ciencias da Coruña, o Centro Oceanográfico de Vigo ou a Estación do Areeiro serán algúns dos que colaboren co Salón.
E moi especial será a participación do Museo da Ciencia de Valladolid que aportará tres exposicións que obrigarán a ampliar o Salón do Libro ao Recinto Feiral. Estarán baseadas en Darwin e na aplicación da ciencia no mundo do deporte e, a máis sorprendente delas, explicará de forma científica os contos e fábulas tradicionais, de forma que os rapaces poidan entender "por que ocorren as cousas que suceden nos contos", avanzou Anxos Riveiro.
CARLOS ARROJO, AUTOR DO CARTEL
O cartel deste XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra leva a firma do ilustrador Carlos Arrojo, membro da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Este coruñés, licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, dedícase á ilustración, principalmente dentro do eido editorial, e ten acumulados numerosos premios durante a súa carreira profesional.
Carlos Arrojo explicou que a organización lle pedira dar o seu "toque persoal" ao novo cartel do Salón, de forma que aportara un "punto de vista diferente" con respecto ás edicións anteriores. E a partir de aí, decidiu tirar de referencias clásicas da ciencia ficción para o seu deseño, no que se aprecian influencias das 20.000 leguas de viaxe submarino de Julio Verne e que usa a metáfora do libro como obxecto para viaxar polo mundo.