A compañía teatral Chévere ofreceu tres representacións durante este xoves da 'O circo atómico das irmás Faynman', un espectáculo dirixido por Xesús Ron, que fora estreado en 2007 para ser recuperado agora para o Salón do Libro Infantil e Xuvenil que se desenvolve no Pazo da Cultura.
A través dunha montaxe divertida, a compañía galega achega os conceptos da nanotecnoloxía aos máis pequenos a través das actrices Patricia de Lorenzo, Arantza Villar e Mónica García. Desta forma, os espectadores poden comprobar números de feira, maxia e teatro de variedades.
Este venres, o mimo catalán Pep Bou ofrecerá a partir das 18:30 horas o espectáculo 'A pel da auga', un xogo visual sobre as pompas de xabón aconsellada para nenos a partir dos 4 anos.
OBRADOIROS NO SALÿN
Ademais, varios obradoiros estanse a desenvolver durante estes días dentro deste marco de encontro coa literatura con talleres matinais para centros escolares e de tarde abertos ao público con inscrición previa.
Entre estas iniciativas destaca 'You CAN: aprender inglés non é unha LATA', un dos máis demandados. Dinamizado por Caxoto, os nenos aprenden novos termos na lingua de Shakespeare e expresións nas que os xogos de palabras son os protagonistas. Outra das propostas máis divertidas é a de 'Somos case Cyborgs', na que aos máis pequenos se lles ofrecen explicacións sobre o funcionamento da electrónica. Os participantes, tras participar neste obradoiro, abandonan o Salón do Libro cun parche de tea á que eles mesmos incorporan un pulsado que os converte case, case en robots, en humanoides do futuro.
A oferta complétase con moitos máis obradoiros, que varían segundo a semana e que terán lugar ata o 28 de marzo no Pazo da Cultura e no Recinto Feiral.