O Culturgal 2024 será o escenario dun espectáculo moi especial, unha Ultranoite que o grupo Chévere preparou únicamente para a Feira das Culturas Galegas.
Coa 'Ultranoite Cultureta", a compañía desembarca no Culturgal para se achegar ao estado da cultura galega e visitar algúns dos seus lugares comúns.
Esta Ultranoite única feita para o Culturgal será o sábado 30 de novembro ás 21:00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra.
Nunha das primeiras edicións do Culturgal, en 2008, o grupo Chévere celebrou "o rito escénico de casamento da cultura e a industria, unha unión que se intuía fráxil e sometida a constantes disputas e desencontros".
"Agora, dezaseis anos despois, volvemos ao Culturgal cunha Ultranoite para presenciar o conflitivo divorcio da industria e a cultura. Non foi máis ca un matrimonio de conveniencia? Non houbo amor? Ou foi un amor imposible?", pregúntase a compañía.
O espectáculo intenta atopar respostas a outras preguntas: Somos unha potencia cultural? A nosa enerxía cultural mídese polo número de premios e medallas concedidas por metro cadrado? Quen é quen na santa compaña da cultura galega? É a Cidade da Cultura un cambio de paradigma con respecto a tipoloxía das Casas da Cultura? Hai vida máis alá da subvención?
ENTRADAS E ABONOS
As entradas e abonos do Culturgal 2024, que se celebrará do 29 de novembro ao 1 de decembro en Pontevedra, xa están dispoñibles na web cultur.gal.
A compra anticipada supón descontos, con prezos de 3 euros a entrada dun día, 5 euros o bono dos tres días, e prezos especiais para familias e público infantil.
A entrada anticipada para o espectáculo de Chévere é de 22 euros e inclúe o acceso dun día ao Culturgal. Están tamén á venda as entradas para 'A nena e o grilo nun barquiño', de Magín Blanco.
O venres 29 de novembro, ás 21:00 horas no auditorio, haberá un concerto da Banda Xangai e a estrea do documental Bravú XXX, gratis coa entrada a Culturgal.