Chega o Salón do Libro, disposto a romper estereotipos sobre a muller

Pontevedra
22 de marzo 2018

O público xuvenil será unha das apostas clave do Salón, no que se deseñaron actividades para a mocidade como obradoiros de fotografía, radio ou teatro, que terán como telón a exaltación da figura da muller na industria da arte e a sociedade

Actividades do XVII Salón do Libro o domingo 3 de abril
Actividades do XVII Salón do Libro o domingo 3 de abril / Alba Sotelo

A celebración do décimo noveno Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra achégase, e desde o Concello están a ultimarse os preparativos dunha edición que non deixará a ninguén indiferente. A cultura mexicana e a galega fusionaranse dando lugar a máis de 150 actividades, cuxa liña argumental xira ao redor de 'Mulleres de conto', é dicir, o papel da muller no mundo da literatura e a arte.

Este xoves presentábase no Concello o programa completo pola concelleira de Cultura, Carmen Fouces, que sinalou a importancia de coñecer "la visión y problemáticas" das mulleres artistas ao redor do mundo. Unha programación da que se mostrou "muy orgullosa" e coa que este ano se quere incidir de forma especial no sector xuvenil, para o que se deseñaron actividades como un  podcasting literario ou talleres de fotografía e YouTube.

Do 6 ao 29 de abril pequenos e maiores poderán gozar de numerosos actos nos que se poderá ver o mellor de ambas as culturas, da man dos mellores artistas galegos e mexicanos. Como sinalou Fouces, un dos obxectivos desta edición é difundir o espírito do Salón máis aló da súa localización habitual, o Pazo da Cultura. Por este motivo, o 2 de abril terá lugar a lectura do manifesto IBBY, polo día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Na lectura, que se celebrará na Biblioteca Pública Antonio Odriozola, participarán a escritora Fina Casalderrey ou o ilustrador Víctor Rivas. 

Esta nova edición do Salón contará con espectáculos de nivel creados unicamente para a celebración deste evento. É o caso do concerto 'Catrina e dona Francisca', unha representación conxunta de música, a cargo da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, e contos, narrados pola escritora Paula Carballeira. Este acto constituirá a inauguración oficial do Salón, o venres 6 de abril.

Os clubs de lectura dos distintos centros educativos do Concello tamén terán un espazo dedicado a eles. O venres 13 de abril, realizarase o primeiro 'Encontro de Clubs de Lectura', unha xornada amenizada pola música de Canela Cafuné, o espectáculo 'Nin fadas nin princesas' e unha xincana literaria con creadores galegos de luxo como Ledicia Costas, Fran Alonso ou Anxo Fariña.

Pero non só haberá actividades dirixidas aos mozos. Ademais dunha 'Escola de pais e nais' celebrada o 24 de abril a cargo de Luz Gallego, 'Nenuca', na que se ensinará a fomentar a lectura nos fogares, o mesmo día 6 terá lugar, ás 21.30 horas, unha cea mexicana con contacontos a cargo do chef Rómulo Mendoza, que achegará o mellor de México a través dos seus pratos.

As actividades para bebés son unha das bazas habituais do Salón do Libro. Os máis pequenos poderán gozar de dous espectáculos musicais, 'Puño Puñete' e 'Moraima', para os que se poderá adquirir a entrada unha hora antes do inicio das exhibicións. Tamén haberá un espazo para a ciencia co  obradoiro científico 'Que é isto?', no que se realizarán actividades relacionadas co ciclo da vida por parte do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) de Galicia.

Esta nova edición do Salón do Libro preséntase cargada de novidades e máis de 150 actividades para todas as idades, sempre coa finalidade de promover a lectura e o coñecemento da literatura. As entradas poderán  adquirise, como todos os anos, de forma anticipada na Casa da Luz, exceptuando as correspondentes ás actividades para bebés e os espectáculos inéditos. 

Carmen Fouces quixo destacar durante a presentación as boas relacións existentes entre México e Pontevedra, por mor dos últimos contactos realizados co país inca e a súa participación de honra no Salón, que este ano tivo repercusión na prensa mexicana. Formación, obras de teatro, talleres culinarios, sesións de contacontos e concertos, entre outros, nun novo Salón do Libro con sabor mexicano e o mellor do panorama artístico de Galicia.

Consulta aquí a programación completa da XIX Salón do Libro.