A Concellería de Cultura de Caldas de Reis avanza algunhas das actividades culturais e de lecer que está a preparar para os próximos meses baixo o nome de "Outono Cultural".
En outubro e novembro haberá propostas para todos os públicos con cinema, teatro, presentacións de libros, deportes e actividades de natureza, ademais da tradicional Festa do Magosto, a cita protagonista da tempada.
"Preséntase unha programación cultural e deportiva que atende ao interese de toda a veciñanza de Caldas, cunha axenda que será a máis potente e variada de todas as que se presentaron ata o momento", sinala o concelleiro de Cultura, Manuel Fariña.
A programación de outono arrincará co ciclo de cinema "Premios Mestre Mateo" no que se proxectarán oito películas e documentais galegos que foron premiados con estes galardóns. Será todos os mércores no Cine Avenida, con entrada gratuíta. Abre este ciclo, o mércores 4 de outubro, a película 'Live is life', do realizador Dani de la Torre e guión de Albert Espinosa.
Tamén se presentará o libro editado polo Concello de Caldas de Reis sobre o conxunto rupestre de Laxe dous Bolos no Monte Xiabre, dos autores Elena Cabrejas e Manuel Santos. Igualmente presentarase o novo poemario do caldense José Alfonso Romero.
Na programación non faltará o teatro ou as propostas da Biblioteca Municipal con varias datas de contacontos e talleres dirixidos ao público infantil. Ademais, iniciaranse as reunións do Club de Lectura os últimos xoves de cada mes.
As actividades deportivas teñen o seu protagonismo e comprenden baloncesto, ximnasia de mantemento, voleibol, multideporte, tenis de mesa e fitness para diferentes idades.
O 7 de outubro desenvolverase a VI Xuntanza Moteira na área recreativa de Paradivas, onde se espera unha gran participación de afeccionados ao mundo das dúas rodas.
Igualmente están proxectados dous roteiros de sendeirismo os domingos 29 de outubro e 26 de novembro.
E como actividade cargada de tradición está a organizarse a Festa do Magosto para o 4 de novembro, con castañas asadas, música tradicional e concertos.